Contestación ás declaracións da Conselleira de Infraestruturas e Vivenda sobre o transporte metropolitano en Gondomar

Transporte Gondomar

Falta de respecto á toda a veciñanza de Gondomar (incluídas as persoas votantes do PP)

As manifestacións realizadas onte pola Conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, sobre a súa negativa a admitir a Gondomar no chamado “Transporte Metropolitano”, ademais de impropias nunha representante do Goberno de Galicia, cremos que constitúen unha falta de respecto á toda a veciñanza de Gondomar (incluídas as persoas votantes do PP), que non merecemos semellante trato.

Depende exclusivamente da Sra. Conselleira

Dicir que “Gondomar perdeu o seu turno e non podemos saltarnos os procedementos doutros concellos para incorporalo diante. O que foi a Sevilla perdeu a silla”, ademais de non ser certo, pois a admisión deses concellos non é unha cuestión de quenda, xa que na Área de Vigo só está pendente de entrar Gondomar, non é unha cuestión administrativa xa que depende exclusivamente da vontade política da Sra. Conselleira.

A proposta da Xunta non resolvía en absoluto a situación do transporte que temos en Gondomar

O que debería saber a Sra Conselleira, se é que non llelo contaron os seus compañeiros do PP,  é que o rexeitamento maioritario da Corporación Municipal de Gondomar á proposta feita no 2015 polo PP, tivo que ver basicamente cunha razón: a proposta da Xunta non resolvía en absoluto a situación terceiromundista do transporte que temos en Gondomar, xa que o mal chamado “transporte metropolitano” non é tal, pois nin lle tocaba aos itinerarios, nin poñía orde nas concesións, etc. Pola contra, era unha simple subvención pagada a medias entre a Xunta e os concellos da Comarca de Vigo.

Entrou en vigor a Lei da Área Metropolitana de Vigo

Daquela, que pasou despois para que Gondomar acordase entrar nese sistema de transporte mal chamado metropolitano?. Pois é moi sinxelo de entender: pasou que entrou en vigor a Lei 14/2016, de 27 de xullo da Área Metropolitana de Vigo, que modificaba a de 2012 precisamente no apartado de competencias, o que nos permitía albiscar un futuro con garantías para a implantación na Área Metropolitana de Vigo dun transporte digno de tal nome, é dicir, con novas liñas, mellor servizo, regular, barato, coordinado, etc. Despois veu a paralización nos xulgados da Área Metropolitana pola Xunta, ata hoxe.

Somos máis de 16.000 veciñxs

Iso é o que debería saber a Sra. Conselleira no canto de facer comentarios “simpáticos” sobre un problema tan grave e, obviamente axudar a resolvelo, pois somos máis de 16.000 veciños e veciñas que o padecemos en Gondomar.

En Gondomar, a 5 de Maio de 2018.

Antonio Araújo Quintas

Voceiro de Manifesto Miñor e concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente en Gondomar.

Maio 5th, 2018

Etiquetas: