As persoas traballadoras do Concello de Gondomar, sen nómina a día 3 de novembro pola nefasta xestión económica do goberno de Paco Ferreira

A nula xestión e a ausencia de previsión do goberno de Paco Ferreira, xunto coa falta de diálogo co persoal traballador, fixo que, por primeira vez na historia municipal de Gondomar, a día de hoxe, 3 de novembro, as nóminas do mes de outubro de toda a plantilla municipal estea sen pagar. 

Gondomar, 3 de novembro de 2026.- O desmantelamento de departamentos clave no concello (urbanismo, Intervención, Policía Local…), onde todo o persoal que puido fuxiu a outros concellos, xunto á nula capacidade de diálogo do Sr. Ferreira, acabou por producir unha nova grave crise co persoal, que sumado ás que xa arrastabamos, está levando a xestión municipal á paralise: expedientes que se eternizan, xestións que non se fan, perda de subvencións ou devolucións de outras, etc.

Hoxe tivo que volver ser a Corporación Municipal en sesión plenaria quen lle sacase as castañas do lume a don Paco, ao aprobar o levantamento de reparo da Intervención Municipal para poder pagar as nóminas de outubro de todo o cadro de persoal do concello por un importe de 185 308,97€. O impago das nóminas de outubro até o día de 3 de novembro trátase dun incumprimento que, por certo, pode ter consecuencias legais, toda vez que o convenio colectivo dos traballadores e das traballadoras actualmente en vigor, así o establece se non se pagan as nóminas o último día habil de cada mes.

Para Manifesto Miñor, trátase dun feito de extrema gravidade, do que por certo, xa lle advertimos no Pleno de xullo, cando puxemos no centro do debate político como se ían pagar ou atender as diferentes contixencias orzamentarias até final de ano, toda vez que o remanente do Concello (o aforro, por dicilo de maneira prosaica) estaba practicamente cero, logo das sucesivas modificacións de crédito feitas durante o presente exercicio ou de ter que crear novas liñas de crédito con cargo ao remanente para pagar o dispendio deste goberno municipal. 

No seu informe, o Interventor Municipal advirte que a insuficiencia de crédito detectada para as nóminas de outubro é aplicable tamén ás nóminas de novembro e decembro, así como a paga extra de decembro, se non se lles garante a cobertura orzamentaria que agora non teñen. Insiste o Interventor que debe ser o goberno municipal en exclusiva quen ten a obriga de xestionar a distribución do orzamento municipal, neste caso, botando man das aplicacións orzamentarias correspondentes ao Capítulo 1 (gastos de persoal), e fai unha precisión importante: as partidas ás cales a Alcadía propón cargar o gasto non teñen por que estar fiscalizadas e que non todas teñen crédito suficiente. De feito, no seu informe formula un reparo suspensivo por falta de crédito en determinados niveis de vinculación.

Entre as advertencias relevantes que a Intervención lle fai á Alcaldía pódese destacar a carencia de persoal nos diferentes departamentos municipais que permitan facer as diferentes tramitacións áxiles e con garantías. Se a situación do Concello non é máis grave é a grazas ao traballo responsable dos poucos funcionairos e persoal laboral que ainda “resiste”. Como exemplo disto, abonda citar que levamos sen Técnica de Administración Xeral (TAX) e sen Arquitecto Ténico Municipal titulares dende hai varios anos, ambos funcionarios imprescindibles para o funcionamento da área de Urbanismo, o cadro da Policía Local, de por si escaso, leva meses funcionando cun só funcionario na rúa e unha funcionaria nas oficina, a Interventora Municipal, outra peza chave no organigrama municipal leva interina case un ano dende que a titular decidiu deixar o Concello polo ambiente de traballo imposible fomentado dende a Alcadía. Poderíamos seguir co funcionariado, mais outro tanto acontece cos traballadores e traballadoras laborais, até o punto de que o Concello tivo que contratar a unha empresa de fóra de Galicia para realizar as tarefas de desbroze de cunetas, camiños, etc., que sempre se fixeron con medios propios.

Resulta evidente, como temos denunciado dende Manifesto Miñor en reiteradas ocasións, a incapacidade do Sr. Ferreira para o diálogo e os consenso, tamén coas persoas traballadoras municipais, tendo un trato autoritario e desprezativo co seu traballo, mesmo, modificando por decreto os convenios colectivos.

Todo isto sumado á xa escuálida plantilla do concello, que leva anos sen repoñer as baixas, xubilacións, etc., lévanos á paralización ou ralentización da xestión municipal. Ignora o Sr. Ferreira que un Concello como Gondomar con case 17 mil habitantes de feito xera unha cantidade de traballo administrativo que coa plantilla que temos non é posible xestionar con axilidade. Un Concello non funciona sen organización interna, sen coordinación co Goberno Municipal e respectando o traballo do funcionariado e persoal laboral. Pois ben, no BOB do 6 de outubro puidemos comprobar que o goberno de Don Paco Ferreira deixou caducar varias convocatorias de oferta de emprego público para repoñer gran parte dese funcionariado e persoal laboral que tanto necesitamos. O peor é que probablemente pasados os prazos das convocatorias, agora non vai ser posible sacar a totalidade da reposición.

A continuación, incluímos os cadros deses postos de traballo que non foron convocados. 

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Voceiro Municipal de Manifesto Miñor

ESTRACTO DO BOP (6 DE OUTUBRO DE 2026)
RESOLUCIÓN DE ALCALDÍA 2026-1354 POLA QUE SE DECLARA A CADUCIDADE DA OEP ORDINARIA DO ANO 2022, DA MODIFICACIÓN DA OEP EXTRAORDINARIA DE ESTABILIZACIÓN DO ANO 2022 E DA OEP ORDINARIA DO ANO 2023

En total serían 11 postos de traballo. Lamentablemente estes postos de traballo quedarán sen cubrir até o mandate seguinte.

Novembro 3, 2026

Etiquetas: , ,