Manifesto Miñor volve quedar só defendendo a necesidade de construír vivenda pública en Gondomar

Gondomar, 2 de novembro de 2026.- A maioría da Corporación Municipal (a abstención de Partido Popular e BNG e o voto en contra do PSOE), tal como quedou hoxe claro, segue a ser refractaria ás demandas maioritarias e notorias da sociedade, que leva meses mobilizándose e reclamando nas prazas e nas rúas do País o dereito a unha vivenda digna.

Cos mesmos argumentos de hai nove meses, PSOE, BNG e PP volveron rexeitar a nosa proposta de ceder a Xunta de Galicia terreos municipais na finca de Casa Peralba, así como iniciar as xestións necesarias para mercar as vivendas en construción, paralizadas hai máis de 40 anos, na antiga “Fábrica de Piña”, ambos os dous inmobles con condicións óptimas para crear un importante banco de vivendas públicas no Concello de Gondomar. Segundo os nosos cálculos, entre as dúas promocións, poderían pasar das 60 vivendas.

Dende Manifesto Miñor, consideramos preciso denunciar a gravidade política de semellante postura, pois coñecendo a devandita demanda social, limitáronse a desacreditar a moción da nosa organización, sen presentar ningunha das formacións políticas nin unha soa alternativa en positivo. Aínda máis, a nosa proposta foi cualificada de “ocorrencia” por parte do señor Alcalde. O seu argumentario foi tan simple coma insultante para as persoas que padecen o problema: todos os voceiros limitáronse a dicir que Casa Peralba non é o sitio axeitado, pois pensan que a vivenda pública pode “afear” a contorna, ignorando a posibilidade arquitectónica de integralo todo nun conxunto perfectamente urbanizado. No caso das vivendas da “Fábrica de Piña” xustificaron a súa inxustificable postura en que se trata dunha negociación moi complexa cos actuais propietarios e propietarias. Por suposto, o argumento estrela de don Paco Ferreira para negarse a aprobar unha proposta que demanda a sociedade miñorá no seu conxunto foi prometer construción de vivenda pública en Gondomar cando se aprobe un PXOM do que nada sabemos no día de hoxe, e que no mellor dos casos, en menos de 5 ou 10 anos non estaría en vigor.

Agora ben, na moción presentada pola voceira do BNG, dona Manuela Rodríguez, de apoio a folga do vindeiro día 11 de novembro, que ten que ver precisamente coa demanda de vivenda pública, PSOE-BNG votaraon a favor. Nos dous casos xa lle explicarán esta contradición ás centos de persoas que demandan vivenda pública en Gondomar e na Comarca.

Para Manifesto Miñor, a conclusión resulta evidente. Non hai interese político na Corporación Municipal de Gondomar nun asunto tan importante. A pregunta que Manifesto Miñor fai a estas alturas é moi sinxela: que problema había en aprobar a proposta do noso grupo político e, co apoio marioritario da Corporación Municipal, comezar as xestións diante da Xunta de Galicia e tamén coa propiedade do edifico da “Fábrica de Piña”?

Manifesto Miñor

Novembro 3, 2026

Etiquetas: , , ,