Paco Ferreira provoca un novo conflito laboral en Gondomar: a policía local denuncia ao Alcalde por acoso
Manifesto Miñor expresa o seu apoio as persoas traballadoras do Concello de Gondomar que están a sufrir esta situación e exixe ao Señor Ferreira, en tanto Concelleiro delegado da área de persoal, explicacións e asunción de responsabilidades.
Gondomar, 12 de novembro de 2026.- Un día despois dunha Folga Xeral e mobilizacións multitudinarias, vimos de coñecer que o persoal da Policía Local de Gondomar ten presentada unha denuncia en inspección de traballo contra os abusos de don Paco Ferreira, un alcalde que non perde ocasión de presumir do seu socialismo en cada oportunidade que ten. Dende Manifesto Miñor, solicitamos ao señor Ferreira que actúe coa máxima transparencia, toda vez que as situacións descritas na denuncia (presuntas situacións de acoso labora, trato improcedente, dificultades para desfrutar de permisos e vacacións, impagos de horas extras…) son dunha gravidade que non se poden resolver coas súas declaracións de hoxe nos medios de comunicación. O Alcalde de Gondomar é o responsable da área de persoal do Concello, polo que debe coñecer as situación pola que atravesan as persoas traballadoras da administración local.
Para Manifesto Miñor, esta situación resulta especialmente preocupante toda vez que, según a información de que dispoñemos, seis dos oito axentes da plantilla están actualmente en situación de incapacidade temporal e o servizo está funcionado en condicións precarias con soamente dous efectivos. Trátase dunha situación que pode comprometer a seguridade das dúas persoas que están traballando e, en última instancia, de toda a veciñanza de Gondomar, que pode non ter a quen recorrer en caso de emerxencia.
Esta denuncia súmase a unha longa lista de situacións inxustificables por parte de Paco Ferreira contra o funcionariado municipal: a última, no tivo lugar a semana pasada, cando tivo que ir a pleno un levantamento de reparo de intervención que impediu o pago en tempo e forma das nóminas do mes de outubro das traballadoras e traballadores do Concello. Naquela sesión plenaria, o Alcalde culpabilizou publicamente ao interventor acumulado do retraso no pago das nóminas e, como consecuencia, o traballador presentou este luns a renuncia a continuar como interventor de Gondomar.
Asemade, Gondomar ten unha plantilla insuficiente tras varias xubilacións, baixas e traslados (moitos dos cales teñen un claro responsable político) e, a maiores, hai varias prazas que están sen cubrir xa que o pasado mes de outubro caducou a oferta de emprego público debido á desidia de Don Paco e, sobre todo, a uns orzamentos prorrogados dende 2012, motivo polo cal a lei non permite sacar adiante os procesos selectivos convocados.
Á luz de todos estes acontecementos, o señor Alcalde debe asumir a súa responsabilidade política e traballar por corrixir esta situación á maior brevidade posible. En todo caso, instamos a ao PSOE de Gondomar, se é que existe, ou as instancias políticas superiores do seu partido, a actuar diante dos abusos de Paco Ferreira e a garantir os dereitos laborais das persoas traballadoras do Concello de Gondomar.
Manifesto Miñor