A Xunta de Galicia e Lugove acordan ás agachadas continuar precarizando o servizo de transporte público no Val de Miñor e Baixo Miño

Val de Miñor, 8 de novembro de 2026.- Diante do anuncio da eliminación de frecuencias en varias liñas de autobús por parte da empresa Lugove, que afectan fundamentalmente á comarca miñorá e ao Baixo Miño, dende Manifesto Miñor queremos amosar o noso rexeitamento ante unha situación que vai empeorar aínda máis un servizo de transporte público actualmente precarizado. Polo que sabemos, trátase de dúas frecuencias da liña que conecta os tres concellos da comarca, catro frecuencias da ruta Gondomar-Vigo e outras catro que ofrecían servizo á veciñanza de Chandebrito, no concello de Nigrán.
 
Esta decisión, que non foi comunicada previamente aos Concellos afectados, vai en contra das demandas veciñais de establecer máis liñas e frecuencias, tal e como quedou de manifesto nas últimas mobilizacións que se desenvolveron por parte de veciñas e veciños da comarca de Vigo e do Baixo Miño. Coa concesión anulada, co novo plan en vías de aprobación sen aínda coñecermos unha data aproximada na que se vai licitar novamente o servizo e co Partido Popular pregado ao interse mercantilista do servizo de transporte, Lugove comeza, coa connivencia da Dirección Xeral de Mobilidade un proceso de recortes que prexudica as ducias de persoas usuarias e que, logo das últimas protestas, ben se podería consirderar unha vinganza.  
 
Para Manifesto Miñor, resulta inaceptable que, nun momento no que se debería apostar de maneira firme por un transporte público de calidade e potenciar a mobilidade sostible como mecanismo para mitigar o cambio climático, a realidade sexa a contraria: menos liñas, rutas suprimidas e un servizo cada vez máis deficiente, que obriga na meirande parte dos casos ao uso de vehículos particulares. A eliminación destas liñas é, ademais, unha agresión directa ao rural e a todas esas veciñas e veciños que dependen do autobús para facer a súa vida cotiá.
 
A Xunta de Galicia e a Consellería competente teñen que actuar xa, polo que exiximos que, de forma uxente, garanta a reposición das frecuencias e liñas suprimidas e manteña o servizo ata que se produza a nova licitación. Pero, ademais, é preciso que acepten as alegacións presentadas polas plataformas de persoas usuarias no tocante ás melloras de liñas e frecuencias, pero tamén que fiscalicen as empresas concesionarias no que ten que ver coas condicións e melloras laborais das persoas traballadoras. Trátase dun servizo público básico, polo que o novo plan que pretenden poñer en marcha debe ter un orzamento axeitado que garanta o seu financiamento durante todo o tempo que dure a concesión. 
 
Dende o noso grupo, lamentamos que o Partido Popular se poña do lado da empresa e ignore as demandas das persoas usuarias e dos traballadores e traballadoras da empresa que levan tempo denunciando os incumprimentos de Lugove. Manifesto Miñor estará sempre ao carón da veciñanza na defensa dun servizo de transporte público de calidade, sostible e que non deixe a ninguén atrás. A mobilidade é un dereito, non un privilexio.
 
Manifesto Miñor

Novembro 8, 2026

Etiquetas: , ,