O goberno municipal de Gondomar vota en contra dun plan municipal de apoio á reforestación das faixas de protección ou de xestión de biomasa
Gondomar, 29 de xuño de 2026.- No pasado pleno de maio, dende Manifesto Miñor presentamos unha iniciativa para elaborar un plan municipal de apoio á reforestación das faixas de protección ou de xestión de biomasa. O Concello de Gondomar conta con diversas normativas que regulan este asunto, como por exemplo a Ordenanza Reguladora de Medio Ambiente e Convivencia a maiores das leis de carácter galego como a Lei 3/2007 ou a Lei 7/2012, cuxos obxectivos son garantir a seguridade das persoas e dos bens, así como a prevención de incendios forestais no ámbito municipal e galego.
As devanditas normativas e leis establecen a obriga das persoas titulares de terreos de manter as parcelas en condicións axeitadas de limpeza e xestión da biomasa, incluíndo a eliminación de especies pirófitas e o mantemento das faixas de seguridade de ata 50 metros arredor de núcleos de poboación e edificacións.
O cumprimento destas obrigas supón en moitos casos unha carga económica significativa para a veciñanza, por non falar que en moitos casos estamos as persoas propietarias teñen moita idade. Ao propio Concello tamén lle supón unha importante carga de traballo extra, tanto administrativo como técnico no que se refire ao labor de control da legalidade, comunicacións, vixilancia, etc.
Neste contexto, diversas administracións públicas están a impulsar políticas activas de apoio á cidadanía promovendo a colaboración dos concellos coa Xunta de Galicia, repartindo árbores autóctonas para a reforestación das faixas secundarias, facilitando o cumprimento da normativa vixente e o fomento dun modelo forestal máis sustentable e seguro.
Nalgunhas comunidades veciñais e mesmo entre particulares, comezan a reforestar as devanditas faixas de protección con froiteiras, incluso plantas aromáticas, etc. sen desbotar o uso do gando para o control do mato aprobeitando as novas tecnoloxías. Obviamente o uso de gando implica o uso de mallas de protección dos plantías durante un tempo.
Este tipo de iniciativas permiten avanzar cara a un modelo de corresponsabilidade, no que as administracións non só impoñen obrigas, senón que tamén proporciona ferramentas e apoio para o seu cumprimento.
Resulta, polo tanto, oportuno que o Concello de Gondomar complemente o seu marco normativo cun plan de apoio á reforestación das faixas de seguridade incentivando a substitución de especies pirófitas por especies frondosas autóctonas, máis resilentes fronte ao lume e de maior valor ambiental. Dito Plan non deber ser puntual, se non establecerse ao longo dun período de tempo de varios anos para que economicamente, e tamén administrativamente, sexa viable.
Con todo, o goberno municipal de Gondomar votou en contra, malia comezar a época de lumes coa chegada do verán e unha sucesións de fenómenos meteorolóxicos de calor que poden provocar situacións moi complicadas no noso concello. Parece que don Paco Ferreira e o grupo socialista non ve ningún problema nos nosos montes ou ignora a importancia da prevención para conservar a masa forestal e defender o noso monte. En todo caso, vendo como están as beirarrúas do Concello e o pouco que lle importa ao señor Alcalde o noso rural, non extraña a pouca atención que presta ao medio ambiente e ao monte de Gondomar.
Manfiesto Miñor