Manifesto Miñor volve reclamar ao goberno municipal a promoción de vivenda pública en Gondomar

Gondomar, 29 de outubro de 2026.- Xa en febreiro de 2026, cando presentamos unha moción no Pleno de Gondomar reclamando a promoción de vivenda pública nos terreos de Casa Peralba, xa eramos conscientes de que estabamos diante dun problema real para a nosa veciñanza. Actualmente, xa ninguén cuestiona a gravidade do problema que hoxe está en todas as axendas políticas e que interpela a todas as administración públicas e gobernos grazas ás mobilización populares que fixeron que lles caese a venda dos ollos. Nesta liña, é fundamental que os concellos poñamos a disposición da construción de vivenda pública todos os nosos esforzos e, dentro das nosas competencias, como é a elaboración dos planeamentos urbanísticos, liberar solo a tal fin. 

Xa que logo, está claro que a vivenda é a grande demanda da sociedade actual, pero ollo, falamos de vivendas con prezos asumibles e fóra do circuíto especulativo. As consecuencias xa as estamos a padecer como sociedade, sobre todo nos ámbitos máis urbanos ou interurbanos, pola imposibilidade do acceso a unha vivenda digna de amplos sectores da sociedade, principalmente a mocidade que ve imposible independizarse, ou das persoas máis vulnerables, con todo o que iso conleva de problemática social e de frustación colectiva asociadas e que comeza a tensionar a sociedade civil con derivadas políticas incertas. 

No que vai de ano estamos asistindo a diferentes iniciativas e anuncios nos medios de comunicación onde varios concellos da contorna comezan a poñer o foco nesta dirección: Baiona, Nigrán, O Porriño, Salceda, A Guarda, etc. E mentres eses concellos camiñan cara a promoción de vivendas pública, o goberno municipal de Gondomar está ausente dese debate cando é quizais o noso concello o que estea en mellores condicións para leva a cabo este tipo de iniciativas.

Se ben é certo que Gondomar carecer dun PXOM en vigor, sen que se albisque a súa aprobación a medio ou a longo prazo, iso non debería ser impedimento para comezar as xestións que leven á construción de vivendas de promoción pública. Isto pode ser posible se o Concello de Gondomar vai da man da Xunta de Galicia e o Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS) e aproveita as posibilidades legais que existen. Neste senso, o interese social e supramunicipal é máis que evidente no caso da vivenda. 

Por todo isto, volvemos demandar ao Pleno de Gondomar un posicionamento firme no tema da vivenda coa adopción dos seguintes acordos: 

1º.- A realización dos trámites e as xestións pertinentes dende o Departamento de Urbanismo e perante o IGVS da Xunta de Galicia, para a implantación dun “Proxecto de Interese Autonómico” , ou outro semellante, que integre a parcela da finca de Casa Peralba para lle dar as condicións urbanísticas necesarias que permitan a construción de vivendas de promoción pública, que para Manifesto Miñor deben ter como destino vivendas en alugueiro cun marcado carácter social. 

2º.- O inicio das xestións necesarias para mercar a parte do edificio da “Fabrica de Piña” que leva anos abandonada e que daría como resultado un número importante de vivendas públicas, ademais de completar a malla urbana nesa zona urbanizándoa. 

Manifesto Miñor. 

Novembro 1, 2026

Etiquetas: , ,