Manifesto Miñor lamenta a postura de don Paco Ferreira respecto dos servizos de abastecemento de auga e saneamento municipais e a nova privatización coa adxudicación do contrato a Aqualia

Gondomar, 19 de maio de 2026.- Ningunha nota de prensa, das moitas difundidas dende a Alcaldía de Gondomar, define tan ben a personalidade política do Sr. Ferreira. Para el todo o que sexa discrepar, ter alternativas diferentes ás súas ou simplemente lembrarlle que ten a obriga de cumprir a Lei, é obstrucionismo e boicoteo.

Resumindo: “o que non está comigo, está contra min”. Así entende D. Paco a DEMOCRACIA. 

En todo caso, a postura de Manifesto Miñor con respecto a auga municipal é coñecida e coherente co noso posicionamento político. Vaiamos, pois, desmontando as declaracións do Alcalde do pasado sábado na sección do Val de Miñor do Atlántico Diario na que don Paco Ferreira critica a postura de Manifesto Miñor respecto do novo contrato da auga municipal. 

 

1º.- As plataformas son froito do descontento veciñal pola falta de servizos básicos como  saneamento e auga pública nas parroquias. Se cadra a propaganda do Sr. Ferreira no consegue tapar todo.

 

2º.- Os investimentos e proxectos que anuncia, veremos se se levan a cabo, pois o contrato con Aqualia di expresamente que se trata de investimentos en MELLORAS, que obviamente non son obras novas. 

 

3º.- Os 1,5 millos de euros non é un regalo da empresa, senón que se trata dun adianto que imos pagar os usuarios da auga e do saneamento durante os 20 anos que dure a concesión. Por certo, a primeira suba por mor desta privatización será a de sumarlle o IVE por deixar de ser unha taxa pública.

 

4º.- Na urbanización da 1ª fase d´A Pasaxe, quen vai pagar o incremento de máis do dobre  que está fóra do compromiso asinado polos empresarios? Porque D. Paco desprezou a colaboración da Xunta para facerse cargo do devandito incremento? Estamos a falar dun proxecto de 2018-19, adxudicado en 2023 e construíndose en 2025-26. Este desfase foille advertido por MM no pleno de 2023 e a resposta de D. Paco foi que iso era un problema da empresa adxudicataria. Quen vai pagar o incremento?

 

5º.- Da 2ª fase d´A Pasaxe xa falaremos. O Sr. Alcalde está advertivo formalmente por MM de que o Concello non pode regalarlle o 10% do aprobeitamento urbanístico (uns 3millóns €) que segundo a Lei do Solo nos corresponde, a unha entidade con ánimo de lucro como é Zona Franca.

 

6ª.- Para MM, “Casa Peralba”, “Cafe de Lis”, e as chamadas humanizacións, son as prioridades do Sr Ferreira, as nosas son a construcción de vivenda pública, o saneamento nas parroquias, o transporte entre parroquias, o paseo fluvial de Gondomar  á  Ramallosa, o carril bici, etc, etc. Resumindo: o necesario antes co bonito.

 

7º.- No asunto da municipalización da auga de Vilaza, probablemente aforrámoslle unha prevaricación ao Sr. Ferreira, pois NON SE PODE MUNICIPALIZAR ÁS AGACHADAS UNHA TRAÍDA VECIÑAL QUE NON É DO CONCELLO.

 

8º.- Por último, o máis grave da privatización da auga é a propia privatización, e a veciñanza debe saber que a auga de Gondomar acaba de entrar no negocio multinacional da auga da man de  Aqualia que é unha empresa filial de FFC e dun Fondo de Inversións australiano, que a súa vez estan controlados polo megamillonario Carlos Slim. Un ben público, escaso e segundo a ONU, un dereito humano.

Manifesto Miñor 

Maio 21, 2026

Etiquetas: , , ,