Aprobada a proposta de Manifesto Miñor para a posta en valor dos muíños do noso concello

Gondomar, 20 de maio de 2026.- No Pleno que se celebrou o pasado día 12 de maio, Manifesto Miñor presentou unha moción co obxecto, como mínimo, de inventariar e catalogar as ducias de muíños existentes no noso Concello, como paso previo á súa posta en valor a través de rutas e restauración, como mínimo dalgúns deles, para que se poida ver o seu funcionamento, etc. Só se conserva e respecta aquilo que se coñece.

Que o Concello de Gondomar sexa un territorio inzado de muíños de agua, ademais da intensa humanización do territorio, indican tamén un aprobeitamento moi eficiente dos recursos naturais comezando pola agricultura e, obviamente grazas ao inxenio e o esforzo das nosas devanceiras e devanceiros, que foron quen de aprobeitar a forza da auga que proporcionan as ducias de regatos, regueiros e ríos que nacen e discorren nas nosas parroquias.

Hoxe son poucos os que seguen funcionanado, case sempre, grazas ao compromiso e ao amor de persoas propietarias e herdeiras que decidiron mantelos e mesmo poñelos a disposición de escolas e visitantes para poidan ver como funcionan e cal era o seu cometido. Quen participamos nalgunha destas visitas pedagóxicas puidemos ver a cara de asombros das crianzas cando o gran que eles mesmo levan convertese en fariña grazas a unhas pedras movidas pola forza da agua e do inxenio humano. 

A maioría dos que existen funcionan, ou funcionaban, coa forza da auga caendo libremente guiada por unha cal, normalmente de pedra, aínda que tamén podía ser de madeira, e outros son de cubo, algo máis complexos pois ao poder recoller a auga podían funcionar cun caudal menor.

Algúns deles incluso tiñan vivenda para o muiñeiro, pois funcionaban noite e día e mesmo no verán, nun proceso semi industrial. Eran muíños de maquía ou de pago pola moenda realizada. Deste tipo é o Muíño do Gruño, en Morgadáns, e contan as persoas informantes que viñan moer nel xentes de Pazos de Rei en Tui polo “Camiño de San Martiño”, e doutras parroquias e de Gondomar. Tamén conta que tivo incorporado un mecanismo de serra hidráulica para aserrar madeira.

Todos eles teñen moita antiguedade e probablemente ningún baixe dos 200 anos, e logo están os máis antigos, algúns dos cales xa son citados no Catastro do Marques de la Ensenada (1752-53, a partires da pregunta nº17 do Interregotario referido a Gondomar), polo que é de supoñer que teñan máis de 300 ou 400 anos. Segundo o reconto que fixemos en Manifesto Miñor, obviamente dentro das nosas posibilidades e polo tanto sen acadar a exactitude do seu número,  chegamos a contabilizar uns 87 muiños, se ben é certo que dalgúns deles apenas quedan sinais da súa existencias, ou simplemente só quedan reflectidos na toponimia do lugar.

Xa que logo estamos a falar dun importantísimo patrimonio material, complementado cun non menor e importanter patrimonio inmaterial que levan incorporadas historias, lendas, tradicións, etc. que cómpre poñer en valor en todo a súa dimensión. 

Este é un traballo que lle corresponde facer ao Concello en colaboración coa veciñanza das parroquias, coas entidades veciñais, coa E.L.M. de Morgadáns, así como coas institucións galegas encargadas de mirar polo noso patrimonio.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz de Manifesto Miñor

Maio 22, 2026