Manifesto Miñor manterá un encontro co candidato ao senado de Fronte Ampla, Paulo Carlos López n’A Ramallosa

Val de Miñor, 16 de novembro de 2026.- Que Manifesto Miñor non se presente ás vindeira eleccións do 29-N, non quer dicir que non teñamos criterio colectivo á hora de votar. Entre outras razóns porque temos claro que o ámbito do noso traballo político e social, que é a Comarca, non é unha illa afastada da realidade do Mundo ou do día a día. Claro que as cousas que se vaian decidir en Madrid a partires do 29-N vánnos afectar!

Para nós, o principio “Pensar globalmente, actuar localmente” nesta ocasión ten máis sentido que nunca. É por iso que chamamos á veciñanza do Val de Miñor a ir votar masivamente o 29-N, que para Manifesto Miñor ten que ser en clave de progreso social, de defensa dos dereitos cívicos e por suposto pola defensa dos dereitos da Nación das galegas e galegos.

Nesa liña, vimos de recibir o convite do candidato ao Senado pola circunscripción de Pontevedra, Paulo Carlos López (Fronte Ampla), para ter un encontro con Manifesto Miñor o vindeiro mércores, día 18, ás 17:00, na Comarca no Val de Miñor. Trátase dun encontro no que, ademais de escoitar as súas propostas, faleremos das necesidades e carencias que temos na Comarca e que tamén poden ser tratadas e defendidas no Senado, como por exemplo, a necesidade de vivenda  pública, dun transporte tamén público e de calidade, que sirva de elemento vertebrador do territorio, dun saneamento que chegue a todas as parroquias con depuradoras eficientes que descontaminen a Foz do Miñor ou a liberalización da AG-57, que aínda que é competencia da Xunta, pódese pular dende Madrid para conseguir este obxectivo. Xa que logo, o lugar escollido para manter este encontro será A Ramallosa, pois é precisamente un lugar emblemático da comarca, de encontro e mobilización no últimos tempos, mais tamén por confluir alí os tres concellos da miñoráns, na Foz do Miñor, tan castigada e tan pouco atendida malia estar incluída na Rede Natura 2000. 

Por último, queremos agradecer o chamado do candidato e manifestar a disposición de Manifesto Miñor a escoitar e a falar con todas aquelas candidaturas ou candidatxs da esquerda e nacionalistas, que así o queiran, fóra do ruído mediático e a través da interlocución directa veciñanza-candidatxs. Son dende a base, poderemos continuar #SumandoPoloBenComún. 

Manifesto Miñor 

 

Novembro 16, 2026

Etiquetas: , , ,