Políticas de igualdade: so é unha cuestión de compromiso

Nestes tempos de proliferación de discurso de odio e reforzo do machismo, que chega mesmo á violencia institucional, é fundamental que todas as Asministracións traballen conxuntamente para erradicarlos. Por iso, dende Manifesto Miñor animamos a toda a veciñanza do Val de Miñor a participar na convocatoria de mobilización do movemento feminista da comarca este venres 25 de xuño, ás 20:00 horas n’A Ramallosa.

En Manifesto Miñor, sempre defendemos a necesidade de aumentar os recursos económicos e humanos do CIM de Gondomar, un servizo que estivo durante moitos meses en precario logo da xubiliación da asesora xurídica. Neste senso, a Xunta de Galicia ten que se comprometer a aumentar o orzamento destinado aos CIM, pois 45 000 euros ao ano para un Concello de case 15 000 habitantes resulta manifestamente insuficiente. Asemade, cun goberno local sen orzamentos dende o ano 2012, malia levar case unha lexislatura con maioría absoluta, impide aumentar o orzamento da área de Igualdade e, xa que logo, ofrecer un servizo de calidade.  

Por suposto, sempre defendemos a necesidade de poñer en marcha, dende os concellos, programas de formación para favorecer a inserción laboral das mulleres e, en consecuencia, garantir a súa emancipación económica. Malia ter aprobadas varias mocións, non houbo apenas cambios na programación que a Concelleira, a señora Lameiro, pon en marcha todos os anos sen ningún tipo de revisión ou xuntanza coas asociacións feministas e de mulleres da contorna. A falta de dirección política e de propostas en clave feminista é unha constante por parte do goberno, supostamente socialista, de Gondomar.

Dende logo, non podemos esperar moito dun Alcalde que insulta sistematica e publicamente ás concelleiras da oposición e non pide disculpas. A violencia institucional nos Plenos do noso concello son unha constante; so hai que ver os vídeos.

En definitiva, dende Manifesto Miñor instamos á Xunta de Galicia a que aumente o orzamento en materia de igualdade para o próximo ano 2023, pero, sobre todo, esiximos a don Paco Ferreira a que se poña a traballar nos orzamentos do ano que vén e garanta unhas inversións adecuada para o CIM de Gondomar e poder así prestar o servizo de atención a todas as mulleres do concello que o precisen con garantías. Que o PP non crea na igualdade non nos extraña; que o PSOE tampouco, é vergonzoso. So é unha cuestión de compromiso.

 

En Gondomar, 24 de novembro de 2022

Manifesto Miñor

Novembro 24, 2022

Etiquetas: , , ,