Manifesto Miñor presenta unha alegación á Ordenanza da Auga de Gondomar e exixe a remunicipalización do servizo

Gondomar, sábado 29 de agosto de 2026.- Manifesto Miñor, a través do seu concelleiro Antonio Araújo, formalizou a presentación dunha alegación á Ordenanza Reguladora das Prestacións Patrimoniais de Carácter Público non Tributario polo Abastecemento de Auga Potable e Saneamento, aprobada inicialmente no Pleno de Gondomar o pasado 29 de xullo. Dende o noso grupo consideramos impropio dunha Administración pública gobernada por un partido progresista, como se define teoricamente o PSOE, continuar coa privatización dun ben público e escaso como a auga para beneficiar a grandes corporacións transnacionais con sede en paraísos fiscais.

A auga non pode ser un negocio en mans de capital privado; neste sentido, cómpre lembrar a doutrina da Asemblea Xeral da ONU —que recoñece o Dereito Humano á Auga e ao Saneamento desde 2010— e os compromisos da Conferencia da ONU sobre a Auga 2023, que apostan pola xestión pública. Asemade, o quecemento global e a escaseza de chuvias fan máis necesario ca nunca o control público e democrático dun ben imprescindible como a auga. O Concello ten a obriga legal e moral de elaborar un novo estudo de viabilidade e proceder á remunicipalización do servizo

Posible nulidade do acordo plenario por dúbidas sobre a legalidade do informe de Secretaría.

Na alegación presentada, dende Manifesto Miñor solicitamos á Secretaría Xeral do Concello que aclare a legalidade do informe xurídico que acompaña o expediente, asinado por unha funcionaria Auxiliar Administrativa (grupo C2), nomeada como Secretaría Accidental. Manifesto Miñor sinala que, segundo a RPT, este procedemento debería ter sido asumido pola Técnica de Administración Xeral (TAX, subgrupo A1) ou no seu defecto por outra persoa funcionaria do mesmo grupo. Sen unha xustificación legal fundamentada, advirten de que o acordo aprobado o 29 de xullo podería ser nulo de pleno dereito.

Rexeitamento á suba do 15% de maneira lineal e proposta de bloques progresivos

Para Manifesto Miñor resulta inxusta a suba lineal do 15% aprobada polo Goberno municipal, xa que parece ter como obxectivo cadrarlle as contas á nova empresa adxudicataria. Esta maneira de proceder non é nova: é a segunda vez que aplica unha suba lineal dun servizo público: xa o fixo a finais do pasado ano co servizo recollida do lixo, co apoio doutros grupos da oposición e mesmo de tránsfugas. As taxas dos servizos públicos deben axustarse a criterios de xustiza social e uso do servizo, como xa defendimos noutras ocasións; xa que logo, propoñemos unha tarificación progresiva con 8 bloques de consumo, dende 0 a 25 m³/trimestre ata máis de 300 m³/trimestre, para premiar o aforro e a conciencia cívica.

Con todo, que tipo de conciencia social e cívica lle podemos pedir a Don Paco Ferreira se, no peor do verán e con moitas traídas veciñais (Peitieiros, Vilaza, Mañufe, etc.) en situación de precariedade ou mesmo de restricións, celebrou no centro da Vila de Gondomar a festa da auga sen ningún tipo de reparo. As institucións públicas teñen a obriga moral e política de dar exemplo co seu comportamento, sobre todo cando se lle esixe á veciñanza moderación no consumo de auga por mor da seca que padecemos. Pero claro, dar exemplo de consumo responsable colisiona cos intereses propagandísticos do señor Alcalde, que ultimamente non da feito a facer fotos. 

Asdo.: Antonio Araújo Quintas

Voceiro de Manifesto Miñor 

Agosto 29, 2026