Manifesto Miñor comeza unha rolda de encontros para escoitar ao movemento asociativo de Gondomar

Vista Concello Gondomar

Gondomar, 30 de agosto de 2026.- Agora que empeza o último curso desta lexislatura, xa é posible facer unha valoración atinada destes últimos anos de goberno de don Paco Ferreira e, dende Manifesto miñor, comezamos a facelo en común con todo o movemento veciñal, social, cultural, medioambiental, deportivo, educativo… que desenvolve a súa actividade en cada parroquia, no conxunto do Concello ou, incluso, en toda a Comarca. Sempre consideramos importante escoitar a veciñanza organizada, por iso cómpre  analizar a situación das parroquias, do Concello e da Comarca, así como das súas distintas problemáticas escoitando o que nos teñen que dicir os diferentes colectivos. Nesta rolda de xuntanzas, o obxectivo será coñecer de primeira man as necesidades, demandas e propostas de cada un dos colectivos, así como establecer un diálogo que permita identificar as prioridades de cara ao futuro.

Para Manifesto Miñor, unha das cuestións fundamentais que cómpre abordar, e que está sen atender por parte do actual goberno municipal, pois don Paco Ferreira sempre fuxiu do diálogo coa veciñanza organizada, é o recoñecemento efectivo das entidades veciñais e sociais como interlocutoras válidas da cidadanía perante o Concello. Neste sentido, será necesario impulsar a aprobación definitiva do Regulamento de Participación Veciñal, que dorme no caixón do señor Alcalde dende hai máis de 10 anos por non acreditar na democracia participativa, onde se recoñece formalmente este papel e establece mecanismos claros e efectivos de participación da sociedade civil na vida municipal.

Pois ben, a rolda de encontros de escoita activa levaranos polas 10 parroquias de Gondomar, onde nos reuniermos con asociacións de veciños, comunidades de montes e todas cantas asociacións teñan actividade na parroquia, mais tamén imos manter xuntanzas sectoriais con distintas organizacións que teñan actividade en todo o concello ou cuxa problemática poida ser común (ANPAS, asociacións culturais ou ecoloxistas de ámbito municipal, cubles deportivos, etc.). Trátase dunha iniciativa moi necesaria, non so polo traballo de escoita activa que imos desenvolver, senón tamén porque supón o recoñecemento ao traballo desenvolvido por cada unha das asociacións ou entidades e ao seu carácter de entidades representativas, lexitimamente, da veciñanza.

Este é o avance das reunión xa confirmadas, que iremos actualizando a medida que vaiamos acordando novas datas en cada parroquia ou coas entidades representativas de cada sector: 

  • Venres, 28 de agosto: Clube Deportivo de Vincios. 
  • Martes, 1 de setembro: Movemento asociativo da parroquia de Couso. 
  • Mércores, 2 de setembro: Movemento asociativo da parroquia de Borreiros. 
  • Xoves, 3 de setembro: Movemento asociativo da parroquia de Donas. 
  • Venres, 4 de setembro: Movemento asociativo da parroquia de Vincios. 

Manifesto Miñor 

Agosto 29, 2026

Etiquetas: , ,