Manifesto Miñor denuncia irregularidades nun proceso selectivo do Concello e o caciquismo de Paco Ferreira contra traballadores e traballadoras municipais
Gondomar, a 8 de xullo de 2026.- Manifesto Miñor denuncia a extrema gravidade dos feitos que están acontecendo no proceso selectivo dunha Bolsa de Auxiliares Administrativos (funcionarios interinos). Por este motivo, vimos de solicitar a anulación de todo o proceso. Entre outras anomalías hai algunhas especialmente graves, que pasamos a explicar a continuación:
1ª.- O anonimato nos exames escritos (especialmente na fase de corrección) está deseñado para garantir os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade, así como a imparcialidade do tribunal (evitando favoritismos e prexuízos). Neste caso, non se garantiu o anonimato das persoas opositoras xa que se lles foi requerido poñer no exame tipo test o seu nome, apelidos e DNI. Enténdese, por tanto, que se puxo en risco o artigo 23.2 da Constitución Española (acceso en condicións de igualdade ás funcións e cargos públicos) e o artigo 103.1 (Obxectividade da Administración). O Tribunal Supremo determinou en numerosas sentenzas que o quebrantamento do anonimato, cando este ben esixido nas bases da convocatoria, non é un simple defecto formal, senón unha garantía esencial para que a valoración do tribunal sexa obxectiva. Tiña que terse ocultado a identidade dos opositores mediante sistemas de plicas (o opositor enche os seus datos nunha tarxeta que se introduce nun sobre pechado e pegado, este sobre grápase ao exame e só se abre tras publicar as notas) ou códigos de barras (as follas levan etiquetas autoadhesivas codificadas que desvinculan o nome do exame ata o volcado final de datos) para que os membros do tribunal cualificador puideran cualificar a cegas e sen influencias externas as distintas probas do proceso.
2ª.- A participación activa na elaboración e deseño do proceso dunha opositora, actualmente contratada temporalmente como técnica de persoal, na elaboración das bases do procedemento selectivo, realización do informe das mesmas e tramitación de todo o expediente administrativo do proceso selectivo (lista provisional e definitiva de aspirantes admitidxs e excluídxs trala comprobación e análise das solicitudes presentadas polas persoas aspirantes…) o que implica a nulidade radical do proceso.
3ª.- Na composición do tribunal figura persoal laboral malia que lei e a xurisprudencia indican que para a selección de persoal funcionario só poden formar parte dos mesmos persoal funcionario.
Para Manifesto Miñor, estes feitos supoñen unha infracción gravísima que vicia todo o proceso selectivo e que pode desencadear nunha serie de procesos xurídicas, cuxas consecuencias non son impredecibles. De entrada, Manifesto Miñor vén de solictar a anulación de todo o proceso en aras da transparencia e da igualdade de oportunidades para todas as persoas opositoras.
A situación de desleixo no Concello non son máis que o síntoma da falla de talante do Alcalde, máxima autoridade na área de persoal do goberno municipal. A pretensión de Paco Ferreira de amordazar aos disidentes é algo que vén de lonxe, igual que facer do Concello o seu “cortijo” particular: tempos restrinxidos nos plenos, negación de locales públicos para actos, atrancos á hora de dar a documentación que solicitamos os grupos municipais, plenos ordinarios sen convocar e sen dar explicacións ou, simplemente, amedrentar á veciñanza que critica súa xestión. Pois ben, agora o nerviosismo que demostra a súa incapacidade para o diálogo e os consensos virou cara o persoal e o funcionariado do Concello, quen non poden desempeñar o seu traballo con independencia e honestidade sen someterse aos dictados do Sr. Ferreira. O funcionamento do concello está afectado por todas estas situacións que obviamente repercute na veciñanza que ve sen remedio como se lle alongan as esperas polos seus trámites, etc.
Asd. Antonio Araújo Quintas.
Portavoz de Manifesto Miñor