O Alcalde de Gondomar obrigado por lei a convocar o Pleno extraordinario solicitado pola oposición

Paco Ferreira sube un chanzo máis o seu ton chulesco e despreciativo da democracia negándose a convocar un pleno extraordinario solicitado por todxs xs concelleirxs da oposición.

 

Como sabedes o pasado 9 de decembro todxs xs concelleirxs da oposición asinamos unha petición de convocatoria de pleno extraordinario para tratar as mocións que quedaron pendentes de anteriores plenos, así como poder facer as preguntas e os rogos que cada grupo municipal considerase. O Regulamento Orgánico Municipal en vigor di: CAPITULO II.—DO PLENO ARTIGO 8. A celebración da sesión extraordinaria a instancia dos membros da Corporación non poderá demorarse máis de 15 días dende que o escrito tivese entrada no Rexistro Xeral.

Pois ben, por primeira vez na Historia Democrática de Gondomar e despois da negativa, por omisión,  do Alcalde a  cumprir co estipulado na Lei, tivo que ser o propio Secretario Municipal por imperativo legal quen convocase o pleno solicitado por todxs xs concelleirxs da oposición. Un pleno que a día de hoxe está convocado para o vindeiro 18 de xaneiro.

É coñecida por todxs a alerxia que o Sr. Ferreira lle ten á veciñanza organizada negándose a aprobar definitivamente o Regulamento de Participación Cidadá que durme o sono dos xustos nun caixón da Alcaldía, pero nunca pensamos que o seu desprezo pola democracia e sobre todo aos miles de gondomarenses que representamos os grupos da oposición (64 votos menos que o PSOE) chegara a tanto. En máis de 40 anos de municipalismo democrático e despois de pasaren 7 alcaldes pola Alcaldía de Gondomar, tivo que ser un suposto alcalde socialista que desprezase deste xeito o máximo foro de representación popular do noso Concello.

Dende Manifesto Miñor preguntámonos cal é o motivo do pánico que lle produce ao Sr. Ferreira o control democrático dos grupos da oposición. A non ser que oculte algo e prefira que non preguntemos. Nós cumpriremos coa nosa obriga de facer achegas para mellorar a vida da nosa veciñanza e de exercer o control democrático para o que fomos elixidos, pode estar seguro diso.

Por este mesmo motivo MM o pasado mes de decembro presentou perante a Valedora do Pobo unha queixa, que foi admitida a trámite, coa idea de frear estas prácticas pois non estamos dispostxs a transixir con este tipo de actitudes e converternos en cómplices da degradación do sistema democrático a nivel local que tanto custou conseguir e alimentando a aparición de novos caciques con vellas prácticas políticas que pensabamos que estaban desterradas de Gondomar.

 

En Gondomar, a 4 de xaneiro de 2021.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Voceiro do GM de MM

Xaneiro 16, 2021

Etiquetas: ,