O Alcalde de Gondomar promociona o macrocentro comercial “Vialia” en lugar de fomentar o comercio local

O ALCALDE DE GONDOMAR PREFIRE PROMOCIONAR O MACROCENTRO COMERCIAL “VIALIA”, RINDOSE NA CARA DXS COMERCIANTES DA VILA, ANTES QUE APOIALOS CON MEDIDAS SÓLIDAS OU PROMOCIONÁNDOOS COMO É A SÚA OBRIGA.

 

Diante da nova aparecida estes días nos medios de comunicación, dende “Manifesto Miñor” instamos ao Sr. Alcalde a instalar unha oficina móbil que promocione o comercio local, a hostalaría, etc., de Gondomar en Vigo, por exemplo, na Rúa do Príncipe. Ben faría Paco Ferreira non deixalo morrer de inanición e en total abandono. Sabemos da súa afección polas “grandes cousas” e por iso valoramos este feito coma un insulto: prefire promocionar os grandes centros comerciais que arruínan o pequeno comercio de Gondomar ao tempo que claudica da súa obriga de defender os intereses do noso Concello. Aínda máis cando, nestes tempos de crise sanitaria, nin o señor Ferreira, nin a concelleira de Comercio, Rocío Goberna, teñen un plan de apoio para o comercio local: de feito, malia anunciar que o goberno ía destinar 100 000 euros do remanente de tesourería a axudas ao comercio, hostalería e sector do taxi do concello, no pleno do pasado día 9 de xaneiro o único punto da orde do día foi a aprobación do Regulamento de funcionamento do Punto Limpo; o goberno socialista de Gondomar non presentou nin unha soa iniciativa seria e rigorosa de apoio ao comercio local, a pesar de que a señora Goberna ten dedicación exclusiva.

 

Dende Manifesto Miñor, dubidamos que sexa unha nova tan boa como nos queren facer crer o señor Alcalde e o seu goberno. Para nós é unha trampa, un Cabalo de Troia, apoiada lamentablemente por un alcalde do PSOE que se presta a branquear a imaxe dunha multinacional letal para o pequeno comercio co engado de criar postos de traballo, que, por certo, xa se encargará o Alcalde de Vigo para que todos sexan desa cidade. Vialia é un MACRO-CENTRO COMERCIAL de máis de 43 000 m2 que a multinacional inmobiliaria francesa Ceetrus está construíndo enriba da estación do tren en Vigo. Argumentar que vén a Gondomar a recoller currículos da xente moza e a ofrecer traballo, soa desculpa de mal pagador cando hoxe todo mundo presenta os currículos por internet a través dos servizos de emprego (na comarca temos unha oficina de emprego que podería axudar a calquera negocio a atopar xs traballadorxs máis adecuados e cualificados).  É un insulto que esta multinacional veña  promocionar o seu macro-negocio de Vigo ríndose na cara dxs comerciantes de Gondomar e co noso Alcalde á cabeza. Lamentable!

 

En Gondomar, a 10 de decembro de 2021.

Manifesto Miñor

Xaneiro 13, 2021

Etiquetas: , ,