Manifesto Miñor presenta unha moción para que Gondomar se adhira á campaña de sensibilización medioambiental “O mar comeza aquí”

O pasado domingo 27 de setembro, Proxecto Ríos remataba (coa celebración da xornada de limpeza simultánea de ríos en toda Galicia) o traballo de todo un ano (e van 13) de seguimento, monotorización e custodia de diferentes treitos de ríos galegos. No caso de Gondomar realizamos a  retirada de plantas invasoras e de lixo das beiras e dos leitos dos ríos Miñor e Zamáns.

Malia que a situación mellorou dende que iniciamos esta iniciativa, as persoas que levamos anos colaborando no Proxecto ríos seguimos vendo como nos nosos ríos seguen aparecendo plásticos e outros resíduos altamente contaminantes que, moitas veces, se tiran na rúa e chegan aos ríos a través dos sumidoiros. Por iso, dende Manifesto Miñor queremos propoñer a adhesión de Gondomar á campaña mundial “O mar comeza aquí” de sensibilización medioambiental e para recordarlle a toda a veciñanza que non tiren lixo polos sumidoiros.