Manifesto Miñor leva a pleno o rexeitamento contra a desconsiderada campaña de Abanca
Como é sabido, en decembro de 2013 a fracasada Novagalicia Banco foi mercada a prezo de saldo. Naquela altura, o grupo venezolano liderado por Juan Carlos Escotet adquiriu a caixa galega pola módica cantidade de 1003 millóns de euros, iso si, despois de ser rescatada polo Estado cunha inxección de 9050 millóns de euros.
No primeiro exercicio 2014, as súas ganancias alcanzaron os 1157 millóns, superando xa o prezo de compra, e así até hoxe que as ganancias seguen producíndose exercicio tras exercicio. Pois ben, agora xa sabemos de onde saen parte desas ganancias: peches de sucursais, redución da plantilla de traballadorxs ou o cobro de comisións inxustificadas que raian na estafa. E agora, como iso lles debeu parecer pouco, Abanca insulta directamente ás persoas maiores de Galiza cunha campaña publicitaria infame con cartaces nos que se pode ler, por exemplo, “se podes ver os netos desde a tableta, podes sacar diñeiro desde o caixeiro”.
Dende Manifesto Miñor, queremos denunciar os abusos de Abanca e demandar, máis unha vez, a creación dunha banca pública galega. Por iso, presentamos de urxencia unha moción para o vindeiro Pleno de Gondomar.