8M: Mulleres, violencia e precariedade en tempos de pandemia

Nos períodos de crise económica e social, aumenta a desprotección das mulleres, especialmente daquelas que viven situación de violencia machista de calquera índole, ao tempo que aumenta a súa dependencia emocional e económica cara as parellas ou mesmo cara os seus agresores. A pandemia provocada pola COVID-19 introduciu, ademais, un novo factor que provoca una agravamento da situación pola que atravesan as mulleres: o confinamento domiciliario, os peches perimetrais e as eventuais corentenas obrigan ás mulleres a permanecer máis tempo, mesmo a un estado de reclusión, nos espazos privados.

Dende hai meses, varias asociacións e colectivos feministas do país están a denunciar, precisamente, o incremento da dependencia económica que sofren moitas mulleres vítimas de violencia machista. A situación laboral precaria pola que atravesan moitas mulleres traballadoras, os ERTES continuados nalgúns sectores, que provocan situacións de emerxencia e, sobre todo, as limitacións impostas polas restricións destes últimos meses á hora de buscar traballo, agudizan a fenda de xénero no ámbito laboral. Neste sentido, moitas mulleres vense recluídas no fogar, baixo o xugo do seu agresor e sen recursos propios.

Na súa declaración institucional polo 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, o Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia recoñece que “As fendas de xénero afondaron ostensiblemente ao longo destes meses, e continúan profundando máis aínda, sen que teñamos un horizonte inmediato no que sexa previsible que se reverta a situación”. A precariedade laboral e económica en moitos fogares, unido á convivencia permanente entre vítima e agresor, incrementou de xeito considerable as situacións de violencia contras as mulleres. De feito, o uso dos servizos públicos que atenden ás vítimas de violencia machista aumentou dende marzo de 2020, con respecto ao mesmo período do ano anterior.

Fronte ao desolador panorama que amosan os datos, observamos unha gran pasividade de moitas administracións públicas que non reforzaron os servizos de atención ás mulleres vítimas de violencia machista, como os CIMs, os gabinetes psicopedagóxicos e de asesoramento legal en mancomunidades e concellos ou os servizos de atención temperá para atender aos fillos e ás fillas das vítimas. No caso de Gondomar, ademais, hai unha desidia manifesta por parte dos responsables políticos da área de Igualdade do Concello (malia ter vivido un caso de violencia machista hai ben pouco): máis de ano e medio sen convocar o Consello Municipal da Muller, un servizos de atención ás vítimas que funciona grazas ao bo facer das traballadoras do CIM pero sen ningún tipo de preocupación por parte da Concelleira de Igualdade, un orzamento escaso e deficiente porque leva dende 2012 sen actualizar, un programa de formación (que se convoca anualmente) para mulleres que require unha revisión para adaptado a nova situación derivada da pandemia, etc. 

Por iso, como queira que o próximo 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller baixo o lema “Mulleres líderes: por un futuro igualitario no mundo da Covid-19”, dende Manifesto Miñor entendemos que é o momento de aumentar o investimento na área de igualdade. Por iso, presentamos a seguinte moción para o seu debate no Pleno de Gondomar. 

 

 

Febreiro 25, 2021

Etiquetas: , , ,