O Pleno de Gondomar aproba a proposta de Manifesto Miñor contra os parque eólicos nas serras do Galiñeiro e A Groba
O pasado mércores 17 de xuño, o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar con 13 votos a favor e 4 abstencións do PP, aprobou a proposta defendida por Antonio Araújo Quintas, en nome de Manifesto Miñor-En Marea, de rexeitar o proxecto de parques eólicos nas serras do Galiñeiro e da Groba. Estas dúas serras son o prefil inconfundible e a xénese mesma do Val de Miñor, sen as cales non existiríamos con todas as especificidades que nos distinguen doutras comarcas do País.
Por iso, temos a obriga moral e política de defendelas e dicirlle á Xunta que non imos permitir semellante aberración. Porén, a nosa postura non supón estarmos en contra dunha enerxía limpa como é a eólica, pero, nin os muíños de vento poden ir en calquera lugar estragándoo todo, nin moito menos se debe poñer unha enerxía renovable e un territorio ao servizo de intereses especulativos que só buscan o negocio sen beneficiar , sequer, ás Comarcas ou lugares onde son implantados.
Só unha organización como Manifesto Miñor, de carácter e vocación Miñorá, podía levar en conxunto estas dúas problemáticas. Foi aprobada a moción malia sair do ámbito local e por iso agradecemos os apoios das demais forza políticas. Cómpre dicir tamén que aceptamos incorporar á nosa moción varias achegas do BNG que melloraron a proposta resultante, unha delas a de solicitar a ampliación do Parque Natural do Monte Aloia á toda a Serra do Galiñeiro.
De novo o Goberno Galego volve ter a voz da cidadanía de Gondomar enriba da mesa por se cría que estabamos durmidos ou que tiraramos a toalla. Que non teñan dúbidas que volverán as movilizacións se teiman no asunto.
En Gondomar, a 19 de xuño de 2020
Asdo.: Antonio Araújo Quintas.
Voceiro de MM-EM