O frenesí pre-electoral anega Gondomar de asfalto

Como nos mellores tempos do caciquismo máis rancio, agora modernizado polas redes sociais e da man dun alcalde que presume do contrario e, obviamente coa bendición da Deputación Provincial, volve ulir a asfalto fresco polas corredoiras e os torreiros da parroquias de Gondomar. Iso si, en lugares escollidos polo señor Ferreira onde exercer e alimentar un clientelismo político desaforado que algúns criamos desterrado do noso concello. Por sorte, a veciñanza hai tempo que sabe distinguir as actuacións electoralistas das que son en beneficio da maioría. Actuar á desesperada dá a medida do temor a que ten o Alcalde a perder a poltrona e todo o que iso conleva. Nesta tesitura debe estar don Paco para atreverse a asfaltar de maneira inmisericorde o Torreiro de Mañufe. 

Este asunto ten máis  gravidade do que parece: primeiro, porque promoveu unha actuación con cartos públicos nunha propiedade privada cuxa titularidade é do Bispado de Tui-Vigo; segundo, porque perpetrou un asfaltado nun espazo de indubidable valor patrimonial onde existe unha igrexa de estilo Barroco Galego do S. XVIII construída sobre os restos doutra Románica do S. XII, a maiores dun cruceiro tamén Barroco ou dun palco cuxa construcción en pedra é un bo exemplo da mestría dos canterios da zona. Por último, todo isto foi realizado sen os pertinentes estudos, proxectos e autorizacións de Patrimonio por seren elementos catalogados e protexidos.

Dito isto, ninguén nega que o devandito torreiro precisaba dalgúns coidados, agora ben, ao Concello só lle correspondería colaborar coa propiedade e procurar que non se estragase un importante legado patrimonial inserido nunha  zona onde, a seu carón, está ubicado o Pazo da Escola e outras construccións singulares. Con semellante actuación o goberno municipal demostrou moi pouca sensibilidade co noso Patrimonio Cultural, por non dicir un nulo interese polo mesmo.

A rapidez desta actuación contrasta coa negativa do Alcalde á hora de cubrir as necesidades nas parroquias do Concello como son o arranxo de camiños, saneamento, etc. que a veciñanza lle reclama. Cando isto ocorre, sempre ten á man a desculpa que Patrrimonio non o permite ou que a Intervención e a Secretaría municipais informan desfavorablemente. Neste caso, igual que para os centos de levantanmentos de reparo para pagar o que a el lle convén, non ten problema saltar porriba da Lei. Claro que o Torreiro de Mañufe é un excelente escaparate con moita visibilidade e boa fotografía.

Como non pode haber dúas varas de medir, Manifesto Miñor vai poñer estes feitos, que como mínimo están no límite da legalidade, en coñecemento das autoridades competentes, comezando por Patrimonio da Xunta de Galicia sen descartar outras instancias xudiciais. O señor Alcalde, igual que o resto de cidadáns, está obrigado a cumprir a Lei, e no seu caso coa encomenda a maiores de facela cumprir. Preguntado por isto o Sr. Alcalde no Pleno de onte por min mesmo, deu a calada por resposta.

En Gondomar, a 27 de xaneiro de 2023.

Asdo. Antonio Araúxo Quintas.

Voceiro municipal de MM.

Xaneiro 27, 2023

Etiquetas: , , , ,