O Alcalde e o PSOE non ven problema no comercio de Gondomar nas rúas “humanizadas” e votan en contra de buscar solucións a súa paulatina desaparición
Humanizar o centro dunha vila significa gañar espazos públicos para as persoas, para que poidan desenvolver a súa vida cotiá neles sen as molestias dos vehículos, para poder pasear, para descansar, para o lecer….; pero tamén para as actividades comerciais e o intercambio, para mercar no comercio de proximidade. En resumo, trátase de ter unha Vila viva e dinámica e non unha Vila dormitorio. De que serven os espazos humanizados sen seres humanos? Hai que darlle un volta a todo isto e, sobre todo, hai que escoitar ás persoas afectadas, pois a realidade é que os comercios nas rúas adxancentes peonalizadas ou cortadas pola Praza da Paradela están pechando, despedindo traballadxs…, os baixos non se alugan, etc.
Dende Manifesto Miñor propuxemos falar cxs comerciantes da contorna da Praza da Paradela
Pois ben, no Pleno de onte o PSOE o o Alcalde estrearon a súa maioría, pasando o rolo para rexeitar a proposta de Manifesto Miñor, tan sinxela como falar cxs comerciantes e veciños das rúas afectadas para lle buscar unha solución.
Dixo o Sr. Alcalde que nesas rúas non hai problema ningún, que el fala cos comerciantes e ninguén lle dá queixas. Con todo, a realidade é teimuda, e nestes poucos meses xa van tres locais comerciais pechados, e outros dous que van polo mesmo camiño.
Pois claro que hai solucións, e non hai máis que ver como fixeron noutros lugares, en vilas próximas a nós: Tomiño, Salceda, Vila Nova de Cerveira, Valença, etc. Ben flexibilizando as peonalizacións das rúas en horarios comercias, ben con rebaixas fiscais en taxas e impostos, campañas de promoción, etc.
O único argumento de “peso” que dá a entender o Sr. Alcalde (ademais da súa maioría absoluta), é que só lle criticamos (coma se fora del) a grande obra da Pza da Paredela porque temos envexa. Ignora o Sr. Ferreira que nós votamos a favor do proxecto!!
O final de todo isto, lamentablemente, é sabido e vaise precipitar co traslado do Centro de Saúde: rúas peonís mortas, sen comercios, sen xente… Gondomar vai ser unha vila dormitorio, e todo mundo a mercar as grandes superficies comerciais.
Sería bo, unha vez aberto o debate, que os comerciantes da zona e da Vila, se organizaran e defendesen seus dereitos, explicando en persoa a súa grave situación.
En Gondomar, a 18 de outubro de 2019.
Asdo. Antonio Araújo Quintas.
Vociero de Manifesto Miñor-Marea