Non é ouro todo o que reloce: sobre a IV Gala de Deporte de Gondomar e as cacicadas do señor Alcalde

A respecto da IV Gala do Deporte celebrada onte no Pavillón Municipal de Gondomar, en nome do Grupo Municipal de Manifesto Miñor, quero facer as seguintes consideracións que entendo deben ser coñecidas pola cidadanía:

1.- A canteira de deportistas que temos en Gondomar, ademais dun orgullo, é dunha altísima calidade  en todas as disciplinas deportivas. Pola nosa banda, PARABÉNS XS PREMIADXS! Isto é así grazas xs propixs deportistas, ás súas familias, aos clubes e adestradorxs, que fan esforzos imposibles, ás institucións, que nunca axudan todo o que deberían, etc.

2.- A Gala do Deporte estivo á altura, no que a medios e gastos se refire, dun concello rico e con superávit, e, obviamente, á altura do ego do Sr. Alcalde e dxs concelleirxs do PSOE, que non dubidaron en usar a súa consigna electoral “Agora si!” no desenvolvemento do acto. Ademais disto, a propia Presidenta da Deputación Provincial comparou o evento coa entrega dos Oscar de  Hollywood.

3.-  Paco Ferreria xa nos ten demostrado ata onde é quen de chegar con tal de tirar réditos partidarios ou persoais, pero onte pasou a raia do decoro máis básico co nomeamento do Pavillón Municipal de Deportes.

Bernabé Costas ten méritos abondo, como persoa e como deportista para lle dar nome a unha Vila Olímpica enteira. O que onte fixo Paco Ferreira con Bernabé foi moi triste. Fíxoo partícipe dunha cacicada nomeando o Pavillón Municipal e ocultándollo ao resto da Corporación Municipal, que ignorábamos semellante iniciativa. Eu mesmo que estiven presente na gala sentín vergoña allea. Este tipo de nomeamentos, por respecto á persoa homenaxeda, deben ser tratados, consensuados e aprobados por unanimidade nun pleno da Corporación Municipal (polxs lexítimxs representantes do pobo de Gondomar), seguindo un protocolo (Regulamento de Honores e Distincións), cousa que Paco Ferreira non fixo pola súa obsesión electoralista. Tanto Bernabé Costas, como o resto da veciñanza, deben saber que o nome do Pavillón Municipal de Gondomar responde exclusivamente ao interese partidario do Alcalde e do grupo municipal do PSOE. Unha mágoa!

En Gondomar, a 7 de abril de 2019

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Abril 7, 2019

Etiquetas: , ,