Manifesto Miñor presenta unha moción para o próximo pleno esixindo a construción dunha nova ponte sobre o río Miñor na parroquia de Mañufe que permita a recuperación da ponte románica

A actual Ponte Románica de Mañufe, que segundo os expertos mesmo puidera ser de orixe romana, cuxa reconstrución está datada no ano 1140, é dicir, leva  case mil anos dando servizo aos habitantes da Comarca e unindo o Val de Miñor coas rutas da época que é o mesmo que dicir comunicándonos co exterior. Isto vén demostrar que a súa ubicación sempre estivo, e segue a estar, nun lugar estratéxico de paso e que malia isto lamentablemente ao longo de todos estes séculos e tendo en conta os cambios sociais e as necesidades de novas mobilidades, ningún poder, autoridade ou institución, reparase na idea de construir unha nova ponte na contorna con mellores prestacións que permitira “xubilar”  á vella ponte de Mañufe pra poder ser admirada como Ben de Interese Cultural  e paseada por veciñ@s e visitantes.

Agora, por mor das últimas enchentes volve o debate sobre a recuperación da vella ponte de Mañufe para poñela en valor, abrir os ollos ocultos, mellorar a contorna da mesma, etc. Todo isto leva anos recollido nun proxecto redactado polo Arquitecto D. Antonio Soliño, persoa estudosa e comprometida coa recuperación do Patrimonio Histórico de Gondomar e, por certo, veciño da mesma parroquia.

Pois ben, vai sendo hora que as promesas ou os anuncios nos medios de comunicación que as máis das veces as autoridades municipais, e os políticos en xeral fan (facemos), cunha  indisimulada intencionalidade eleitoral, comecen a ser cumpridas, sobre todo cando afectan a cuestións de tanta importancia, por exemplo tomando acordos ao respecto no máximo órgano de representanción municipal como é o Pleno da Corporación.

Dende Manifesto Miñor sempre rexeitamos que alguén pretenda xogar coas expectativas e as necesidades da xente, é dicir, calquera proposta de restauración ou recuparación integral da Ponte de Mañufe e da saúa contorna pasa necesariamente pola construcción dunha nova ponte cos accesos á parroquia pensados para o S. XXI e non para o S.XII como na actualidade. Senón se ten isto en conta todo o demais é papel mollado.

Marzo 13, 2023

Etiquetas: , ,