Manifesto Miñor participa na constitución de Agora Galicia, unha confederación de máis de 40 candidaturas municipalistas galegas

Val de Miñor, abril de 2026.- O vindeiro  25 de abril un grupo arredor de 40  candidaturas municipalistas galegas, autoxestionadas, ímonos xuntar en Chantada para constituír formalmente “Agora Galicia”, que entre outros obxectivos ten o nos preparar para maio do 2027. Como queira que “Manifesto Miñor” forma parte do núcleo promotor desta xuntanza, convidamos a quen estea interesad@ na mesma a participar, pois a maiores dos grupos formalmente constituídos, algúns con representación municipal, “Agora Galicia” pode ser a ferramenta necesaria pra animar a outras localidades do País a sumarse a este proxecto horizontal e redicalmente democrático.

 

Agora Galicia somos un grupo de proxectos locais galegos diversos que decidimos coordinármonos para ser máis eficaces na defensa dos intereses da veciñanza e para promover o cambio social en cada vez máis concellos. En 2025 xuntámonos para explorar esta colaboración e acordamos “impulsar un proceso deconfederación de proxectos locais galegos afíns, sobre a base da democracia, a irmandade e a igualdade, os dereitos sociais e medioambientais e a autonomía das asembleas locais no seu ámbito de actuación, para conseguir os seguintes obxectivos, a medio e longo prazo:

  1. Artellar unha rede ou confederación de proxectos municipalistas asentados no territorio e no tecido social de base para que eses milleiros de votos e ducias de concelleiros/as sen un proxecto a nivel galego poidan atopar un espazo común no que sentirse representados e escoitados.
  2. Coordinármonos cara ás Eleccións Locais de 2027 para optimizar recursos e concentrar votos cara ás Deputacións: é posible aumentar a pluralidade política e a transparencia nas catro deputacións podendo, deste modo, levar alí as problemáticas que sofren os nosos concellos no día a día e son da súa competencia.

Neste tempo, avanzamos en dotármonos de medios de apoio comúns – a nivel de asesoría xurídica e de comunicación, por exemplo – en expandir o proxecto a máis localidades e en definir máis as fórmulas de cara as Eleccións Locais de 2027”.

É por iso que convocamos para o 25 de abril unha xuntanza para constituír formalmente Agora Galicia e preparármonos para maio do 2027, para o que queremos convidar a todas as forzas municipalistas galegas e a aquelas persoas interesadas en iniciar novos proxectos nos seus concellos.

Sabemos que o contexto é moi complexo a nivel internacional, pero temos a firme convicción de que as candidaturas municipalistas arraigadas no territorio e na loita social son imprescindibles para evitar o avance da ultradereita e sentar as bases dun mundo máis xusto.

A xuntanza terá lugar en Chantada, o 25 de abril de 2026, pola mañá, no Casino.

Os documentos a debate son accesibles libremente na web de Agora Galicia: https://agoragalicia.org/ A xuntanza é aberta, pero agradecemos a inscrición, para ter unha previsión. Simplemente, enviando correo electrónico a contacto@agoragalicia.org. 

Manifesto Miñor.

Abril 20, 2026

Etiquetas: , ,