Concentración diante da Delegación da Xunta en Vigo para reclamar un transporte público digno para Gondomar

A Asemblea Veciñal por un Transporte Digno para Gondomar convoca o vindeiro mércores, 30 de xaneiro, ás 9:00 horas, unha Concentración diante da Delegación da Xunta en Vigo para reclamar un transporte público digno para o noso Concello e defender un servizo público básico para a veciñanza. Segundo informan, a Asemblea pon a disposición das veciñas e dos veciños interesadxs un autobús gratuíto que sairá da Estación de Autobuses ás 8:20 horas; para anotarse cómpre chamar ou enviar un SMS ou WathsApp ao número 616964027.

Esta iniciativa enmárcase dentro das mobilizacións impulsadas pola veciñanza de Gondomar para reivindicar a implicación das administracións na solución ao problema crónico do transporte público. Cando Manifesto Miñor estaba no Goberno pulamos por chegar a acordos coa Xunta e buscar vías de entendemento que pasaban, en primeiro lugar, por introducir unha nova parada de ATSA máis preto do centro da vila ou establecer máis frecuencias. A Xunta ten que se implicar para resolver o problema das concesións, ampliar as frecuencias, mellorar a conexión entre os concello e as parroquias, así como entre os tres concellos do Val Miñor, e establecer unha liña de autobús directa co Hospital Álvaro Cunqueiro e coa Universidade. Son todas vellas reivindicacións que seguen sen ser atendidas.

Dende Manifesto Miñor queremos amosar o noso apoio a esta nova acción reivindicativa da Asemblea Veciñal por un Transporte Digno. Dende Manifesto Miñor apostamos por un Plan de Transporte Metropolintano que conte coa participación de todos os concellos da Área Metropolitana (incluído o concello de Vigo e Vitrasa) e as usuarias e usuarios do transporte público. Só así poderemos conseguir un transporte público moderno e acorde coas demandas da cidadanía.