As lagoas da Praza de Abastos de Gondomar: espazo protexido xa!

AS FOCHANCAS DO APARCAMENTO DA PRAZA DE ABASTOS DE GONDOMAR XA SON LAGOAS CAMIÑO DE SEREN ESPAZO PROTEXIDO.

Unha vez máis, o Alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, fiel ao seu estilo mentirán e prepotente, segue a vender fume e boicotear o traballo feito polos concelleirxs de Manifesto Miñor, malia a nos ter expulsado do Goberno Municipal hai dous meses; vende fume cando anuncia “grandes obras” na contorna da Praza de Abastos, e despois permite una situación terceiromundista no aparcamento de terra alí existente, con fochancas coma lagoas de mais de 30cm de fondura e sen tan sequera molestarse en tapalas cunha capa de xabre.

O acondicionamento do aparcamento xunto a Praza de Abastos: un proxecto esquecido polo goberno do señor Ferreira.

Con todo, o máis grave é o boicoteo do proxecto aprobado (84 000 €) dentro do Plan Concellos para o ano 2017 da Deputación de Pontevedra, que resolvería definitivamente o estado lamentable do devandito aparcamento, dándolle outro aspecto á zona da contorna da Praza de Abastos. Trátase dun proxecto que, como el ben sabe, conta con todas as autorizacións sectoriais favorábeis dende hai meses, incluso coa advertencia por escrito de quen isto asina, cando era concelleiro, para que procedese á contratación urxente das obras polo risco de perder a citada subvención. Fixo caso omiso a miña advertencia, como era habitual nel respecto das propostas e proxectos presentados por Manifesto Miñor.

A pasarela de madeira sobre o río Zamáns tamén no aire pola ineficiente xestión dxs concelleirxs do PSOE

A segunda fase do arranxo dese importante espazo urbano consiste na construción dunha pasarela de madeira sobre o Río Zamáns, unindo a contorna da Praza de Abastos coa circunvalación.  Ese tamén foi un proxecto aprobado e subvencionado polo Plan Concellos 2017 (38 000 €) e levado adiante tamén pola Concellaría de Urbanismo e Medio Ambiente, por min dirixida. A día de hoxe, para poder contrarar as obras de construción da pasarela, só está pendente dun TERCEIRO informe e da autorización definitiva de Augas de Galicia. Non debería pasar por alto esta cuestión e debería reclamar con insistencia, como fixemos outros, a devandita autorización para a construción da pasarela de madeira, dada a importancia e interese para a veciñanza de Gondomar e para a dinamización do comercio da zona.

Señor Ferreira, se vostede despreza ou non quere levar adiante os proxectos postos en marcha por Manifesto Miñor no aparcamento da Praza de Abastos, polo menos teña a decencia política de tapar as fochancas cunha capa de xabre… ou declaralas coma lagoas protexidas!

En Gondomar, a 16 de decembro de 2018.

Antonio Araújo Quintas.

Concelleiro de Manifesto Miñor.

 

Decembro 17, 2018

Etiquetas: , ,