Manifesto Miñor solicita a comparecencia do Alcalde de Gondomar no vindeiro pleno para que esclareza a situación do Polígono d’A Pasaxe e explique a súa deixadez neste asunto

Manifesto Miñor ve con moita preocupación o novo atranco nas obras da primeira fase das obras de urbanización do Polígono d’A Pasaxe

Dende Manifesto Miñor, sempre fomos absolutamente escrupulosos no tratamento deste asunto e colaborativos en todo aquilo que tivo/ten que ver coa ordenación e legalización do Polígono Industrial d´A Pasaxe. Igualmente, fomos contundentes e moi claros naqueloutro que consideramos que se estaba facendo mal. Fartámonos a denunciar o postureo do señor Alcalde, quen ciclicamente nos vendeu o “inmimente” comezo das obras, como foi o bochornoso espectáculo pre-electoral da colocación nas Redes Sociais dun cartelón anunciando o comezo das obras que resultou ser unha falsidade e unha montaxe dixital; por non falar das ducias de fotos con directivos d´A Pasaxe, políticos da Xunta, da Deputación, etc., fotos e máis fotos e cero xestión mentres as empresas marchan do polígono ou teñen que reducir a súa actividade pola imposibilidade de ampliar as instalacións ou mesmo se enfrontan a imposiblidade de conseguir certificados que lles permitan as homologacións necesarias para poder exportar ou traballar internacionalmente.

É por isto que vemos con moita preocupación a nova que anuncia que, de novo, as obras de urbanización do Polígono Industrial poida quedar de novo en nada, despois de pasar un complicado proceso de adxudicacións das devanditas obras e todo o que iso conleva.

Pois ben, en marzo deste ano, no Pleno de adxudicación das obras á empresa Copasa, Manifesto Miñor advertiulle ao Alcalde se un orzamento que viña do ano 2020 podía ter vixencia en 2023, coa suba de prezos que todos coñecemos. A resposta do señor Ferreira foi pouco menos que acusarnos de alarmistas e que iso en todo caso era un problema da empresa. Agora, vemos que efectivamente tiñamos razón, que habería que actualizar o orzamento antes de adxudicar a execución das obras tendo en conta as circustancias sobrebidas. Ver Videoacta: https://www.youtube.com/watch?v=9URQAEyIeRM (a partir do minuto 15, o compañeiro Antonio Araujo fai a advertencia a don Paco Ferreira).

Agora, o señor Alcalde nun acto de irresponsabilidade sen paragón dille á empresa nos medios de comunicación que senón lle convén que se vaia… E volta a comezar cun novo orzamento, un novo procedementeo de adxudicación, etc, etc. En resumo, outros dous anos máis de atraso nunha zona vital para a economía municipal que, ordenada e urbanizada, pode supoñer que se poidan aumentar en máis de 3 mil postos de traballo os xa existentes. Velaí a irresponsabilidade de Paco Ferreira, xogando cun asunto tan importante. Porque non corrixiu o orzamento antes de adxudicar a obra como lle dixemos nós?

Para Manifesto Miñor, levámolo dicindo dende hai anos, a Xunta de Galicia debe tomar cartas no asunto e botar man deste polígono procedendo ao seu ordenamento, liberando ás empresas deste gasto e ao Goberno Municipal da xestión dáda a incapacidade mostrada na xestión deste asunto que lle queda grande.

Por todo isto, e pola preocupación que nos provoca esta nova paralicación, Manifesto Miñor vén de solicitar a través do Rexistro Municipal a comparecencia do Sr. Alcalde no vindeiro Pleno Ordinario de decembro para que explique e aclare con información precisa e veraz, en sede plenaria, a situación na que se encontra a día de hoxe o proceso de ordenación do Polígono Industrial d´A Pasaxe.

En Gondomar, a 20 de novembro de 2023.

Asdo. Antonio Araújo Quintas.

Voceiro de MM.

Novembro 20, 2023

Etiquetas: , , ,