Manifesto Miñor denuncia a intención da Consellería de Educación de recortar persoal no CEIP Souto – Donas e esixe a continuidade do desdobramento para garantir o cumprimento da normativa de ratios no centro
Gondomar, 3 de maio de 2026.- No ano 2023, a Consellería de Educación chegou a un acordo con diversas organización sindicais no que se estipulaban diferentes medidas para ir reducindo as ratios progresivamente nas etapas de Educación Infantil e Educación Primaria. Segundo se estipulaba no devandito acordo, as ratios máximas serán de 20 alumnos e alumnas, comezando no presente curso en 5º de Educación Infantil. Asemade, estipulábase que aquelas aulas que, ao comezo da aplicación progresiva da redución de ratios, tivesen entre 20 e 25 alumnos e alumnas non verían incrementado o número.
Naquela altura, antes das eleccións galegas de 2024, a Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia adquiriu compromiso de facer desdobramentos naqueles casos onde se superase a ratio fixada ao comezo do curso 2024/2025. Así se fixo no curso que agora remata no CEIP Souto – Donas, que grazas á movilización das familias, á presión sindical e a unha moción presentada por Manifesto Miñor, conseguiuse que un grupo de 2º de Educación Primaria con 27 alumnos e alumnas fose desdobrado en dous grupos de 13 e 14 respectivamente, xa que se trataba dun número que supera incluso a ratio legal anterior ao Acordo sobre medidas que melloran o funcionamento do sistema educativo as condicións laborais do persoal funcionario e laboral docente da Comunidade Autónoma de Galicia que imparte as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, máis supuña tamén un incumprimento por parte da Consellería do propio acordo, ao non respectar a ratio fixada para ese grupo ao comezo da aplicación progresiva da redución de ratios.
Segundo vimos de coñecer a través de diversas familias do propio centro, a Inspección Educativa informou esta semana da súa intención de unificar agora os dous grupos desdobrados (en total 26 alumnos e alumnas) nun único grupo de 3º de Educación Primaria para o curso 2026-2027, consumando unha estratexia de recortes e un novo incumprimento dos acordos aos que o propio goberno da Xunta de Galicia chega coa representación legal das persoas traballadoras do ensino público.
Dende Manifesto Miñor, consideramos intolerable esta situación, pois impide unha atención adecuada das necesidades dos nenos e das nenas deses grupos e un retroceso a un momento de partida que vulnera o dereito do alumnado a recibir unha educación de calidade. Entendemos tamén que os servizos públicos hai que defendelos dende todos os ámbitos, pois está máis que demostrado que o goberno do Partido Popular na Xunta de Galicia é máis partidario das privatizacións e dos concertos con empresas privadas.
Xa que logo, denunciamos unha nova manobra da Consellería de Educación para recortar persoal no CEIP Souto – Donas, ao desfacer o desdobramento e prescindir, en consecuencia, dunha mestra ou mestre e un incumprimento da normativa de ratios da administración. Dende Manifeto Miñor, esiximos unha rectificación por parte da Consellería e o retorno á situación actual para garantir os principios de equidade e inclusión e unha atención á diversidade digna para todas as alumnas e alumnos do centro.
Manifesto Miñor