Manifesto Miñor solicita información a Paco Ferreira sobre o proxecto antirriadas que deu a coñecer a través das redes sociais
Gondomar, 16 de xullo de 2026.- Xa vén sendo a tónica habitual que os grupos da oposición coñezamos información tan importante como o proxecto de investimento de arredor de 6 millóns de euros que a Xunta de Galicia vai destinar a solucionar as inundacións dos ríos Zamáns e Miñor ao seu paso por Gondomar a través das redes sociais do señor Ferreira. Mais, neste caso, a cuestión é moito máis grave dado que acompaña a devandita publicación cunha serie de infografías e imaxes que, lonxe de tranquilizarnos, fan aumentar a preocupación xa que amosan unha vila de Gondomar completamente irrecoñecible.
Dende Manifesto Miñor, solicitaremos a don Paco Ferreira que dea traslado do proxecto que, segundo soubemos novamente pola prensa, lle trasladou Augas de Galicia nunha xuntanza mantida o pasado martes. En todo caso, o primeiro que queremos comprobar é que o proxecto se axusta á realidade de Gondomar, unha cuestión que, á vista das fotos, imaxes e planos publicados non queda claro, pois nin sequera os planos aéreos son da zona.
Asemade, queremos comprobar se nese proxecto se ten prevista algunha actuación que evite enchentes no barrio da Ponte de Mañufe. Como xa dixemos en moitas ocasións, é fundamental actuar no río de maneira integral, polo que hai que abrir os ollos da ponte de Mañufe para evitar que todo o caudal acabe asolagando as vivendas nese punto, alén de controlar os recheos que se fan nas marxes do Río Miñor, controlar os atuimentos provocados polas árbores que todos os invernos caen como consecuencia dos temporais, ampliar as pontes da estrada da EDAR e da Xunqueira, etc. No proxecto débese poñer de manifesto a necesidade de realizar todas cantas actuacións sexan necesarias para garantir que en época de choiva o río desaugue adecuadamente.
Polo que podemos deducir da información publicada, tanto a Xunta de Galicia como o Concello só prevén actuacións no centro da vila, na ponte que atravesa o río na Avenida Curros Enriquez. Para Manifesto Miñor isto só vai facer trasladar o problema ao barrio da Ponte, onde as veciñas e os veciños van sufrir de maneira moito máis intensa as enchentes ao recibir toda a forza da auga de maneira moito máis directa. Xa que logo, volveremos a reclamar un proxecto integral antirriadas para Gondomar, que contemple actuacións en todos os puntos críticos que hai nos ríos.
Manifesto Miñor.