Manifesto Miñor preguntará no vindeiro pleno pola viaxe do Alcalde e da Concelleira de Turismo a Fitur para presentar un traballo de hai 4 anos realizado por concelleiros de Manifesto Miñor
Esta fin de semana, o señor Alcalde, don Paco Ferreira, e a concelleira de Turismo, dona Rocío Deolinda Goberna, acudiron a Fitur. Segundo puidemos saber pola reportaxe fotográfica que compartiron polas redes sociais do Concello, Alcalde e Concelleira foron en viaxe oficial para presentar un rueiro da vila de Gondomar que mesmo parece que fixo na presente lexislatura o goberno municipal.
@viladeGONDOMAR o alcance de todos e todas en @fitur_madrid onde o alcalde, Paco Ferreira, xunto a concelleira de Turismo, Rocío Goberna, presentaron o seu rueiro e as guías deseñadas para coñecer a súa riqueza natural que o fai tan especial. pic.twitter.com/G4WaA9abFy
— Paco Ferreira Alcalde de Gondomar (@alcaldegondomar) January 21, 2022
O que se lles olvidou contarnos á veciñanza de Gondomar é que ese rueiro é un traballo deseñado e impulsado polo compañeiro de Manifesto Miñor, Xosé Antón Araúxo, cando era Concelleiro de Turismo no 2018. Nunha nova de ValMiñorTv de setembro dese ano, xa se anuncia a publicación do devandito rueiro, financiado polo Plan Concellos da Deputación de Pontevedra.
O importante do asunto non é só que o actual goberno municipal se apropie do traballo dos compañeiros do goberno que naquela altura formaban parte do bipartito (MM-PSOE); o verdadeiramente grave é que logo de case tres anos de goberno, a concelleira Rocío Deolinda Goberna non fixera nada para dinamizar o turismo local. De feito, en xaneiro de 2019 xa denunciamos que trala expulsión dos concelleiros e da concelleira de Manifesto Miñor do goberno, a concellería de Turismo quedou desmantelada.
Sabemos que a partida orzamentaria da concelleira de Turismo, ata que o señor Alcalde se digne a facer uns novos orzamentos, é moi escasa. Agora ben, iso non xustifica a falta de traballo da concelleira actual e de todo o goberno municipal coa actividade turística.
Por último, na situación actual, non parece xustificable o desprazamento de dúas persoas a Fitur (no que seguramente se gastaría un importe duns 1000 ou 1200 euros, é dicir, máis dun 15% do orzamento actual da concellería) para presentar un traballo antigo que xa estaba presentado e repartido por todos os establecementos de Gondomar. Así pois, no vindeiro Pleno municipal preguntaremos por esta viaxe e polo traballo desempeñado pola concellería de Turismo na última lexilatura.