O turismo de Gondomar esmorece

Vista do Val

O traballo á fronte da concellería de Turismo e Comercio do Concello de Gondomar do noso compañeiro Xosé Antón Araúxo é coñecida por toda a veciñanza. Dende que en 2016 asumiu o cargo de concelleiro, desenvolveu varias iniciativas destinadas á promover o turismo no noso concello, cun orzamento de 6000€ ao ano, pero con moito compromiso.

Nos case tres anos de xestión, impulsou o primeiro vídeo e a primeira guía de turismo de Gondomar, presentada na edición de 2017 de Fitur (a feira de turismo máis importante de todo o Estado). Tamén impulsou a programación dunha APP de turismo do concello (con tradución en cinco idiomas: galego, español, catalán, francés e inglés; á espera de incluir as traducións ao alemán e ao portugués) que, a día de hoxe, conta con máis de 5000 descargas. Asemade, elaborou o primeiro rueiro da vila de Gondomar, que conta con información sobre lugares de interés, elementos patrimoniais, etc.

Vídeo de turismo de Gondomar: “O ton da auga, o son da pedra”.

Por último, quedou pendente a presentación da Guía de Turismo “Percorridos polo patrimonio cultural de Gondomar”, elaborada polo arquitecto Antonio Soliño e editada polo Instituto de Estudos Miñoráns. A guía inclúe trinta roteires que, ademais, estarán dipoñibles na plataforma Wikiloc.

Todo este traballo estaba orientado a promover, dinamizar e impulsar un turismo alternativo e de calidade en Gondomar. Para iso traballamos durante máis de tres anos no goberno municipal, a pesar dos atrancos que puxo o Alcalde e o grupo socialista: o parque de autocaravanas, unha iniciativa que tería atraído un bo número de visitantes, foi bloqueada polo señor Ferreira, incapaz de sentarse a dialogar e analizar a proposta que Manifesto Miñor lle fixo chegar por escrito.

Lamentamos que o novo concelleiro de Turismo, o señor Chamorro, teña abandonada unha área tan importante para a dinamización económica de Gondomar e da comarca. O goberno municipal deixou de organizar os concursos de escaparates de Nadal, non continuou coa musealización do patrimonio etnográfico do concello e a guía de turismo impresa segue sen se presentar oficialmente. O turismo de Gondomar esmorece.