Manifesto Miñor esixe a posta en marcha imediata do voluntariado medioambiental
Logo do incendio do pasado luns en Fontán (na parroquia de Mañufe) moi próximo á varias vivendas, en Manifesto Miñor queremos amosar a nosa fonda preocupación ante unha situación potencialmente perigosa neste duro verán, máis aínda cando case toda Galicia está en risco extremo de incendios. De feito, os tres concellos do Val de Miñor presentan dende hai varios días o nivel máximo de perigo de lumes segundo o índice de risco diario de incendio forestal da Consellaría de Medio Rural.
Ademais, a falta de medios do GES, para o que vimos de solicitar máis recursos materiais e humanos, non axuda a ter axeitadamente atendida unha comarca que triplica a súa poboación durante os meses de xullo e agosto. Asemade, é preciso máis coordinación e colaboración entre os concellos da Comarca para axudar á prevención.
En todo caso, en Gondomar xa temos un voluntariado medioambiental que estivo funcionando durante o verán de 2018, mentres Antonio Araújo foi concelleiro de Medio Ambiente: xornadas de concienciación reivindicativa a través das arrincadas de eucaliptos nos montes do concello, actividades de vixiancia dos nosos montes para persuadi ás persoas incendiarias, etc. Por iso, dende Manifesto Miñor reclamamos que o goberno do señor Paco Ferreira abra as portas á participación da veciñanza na prevención de incencios a través do voluntariado que puxemos en marcha hai dous anos. Aínda seguimos esperando a que o Alcalde dea una explicación ás persoas voluntarias e á veciñanza de Gondomar sobre a falta de interese neste voluntariado por parte do actual equipo de Goberno.