Manifesto Miñor volve levar ao pleno de Gondomar o paseo fluvial entre a vila e A Ramallosa

Dende Manifesto Miñor, volvemos insistir, e agardemos que desta non sexa predicar de novo no deserto, sobre a necesidade de desenvolver o proxecto de paseo fluvial entre a vila de Gondomar e a Ramallosa. Por iso, no vindeiro pleno presentamos unha moción na que instamos ao goberno municipal a realizar todas cantas xestións sexan necesarias para conseguilo.

Como dicimos na moción, as actuaccións de limpeza, debroce e retirada de árbores caídas nas beiras do Río Miñor e na propia canle, efectuadas por Augas de Galicia, deixou á vista o que era previsible: unha senda marabillosa por unha zona espectacular, que cunha actuación branda por parte do Concello daría como resultado, antes do verán, un paseo tan bonito e saudable coma sinxelo. Como traballos dunha certa entidade, habería que reparar unha ponte de madeira afectada pola caída dunha arbore e construir dúas pontellas máis para salvar dous regueiros, proceder a desbrozar un ancho aproximado de 1,5-2m na zona de dominio público e pouco máis. O problema máis complexo estaría na zona da “nave de Butano, onde habería que resolver o dereito a paso pola beira do río. Deste xeito cando menos teríamos resolto o paseo até a Ponte da Xunqueira.

Abril 10, 2024