Manifesto Miñor valora positivamente que o Concello cumpra os acordos plenarios e subministre filtros HEPA aos centros de ensino de Gondomar

Hai xa tres meses que dende Manifesto Miñor presentamos unha moción para o seu debate no Pleno de Gondomar coa finalidade de que o goberno municipal esixise á Consellería de Educación o subministro de filtros HEPA e outras medidas de protección aos centros educativos do Concello. Houbo que esperar tres meses, un inverno de frío e temporais por medio, para que o Alcalde se reúna coas ANPAS e anuncie que, ante a inacción da Consellería de Educación, vai subministrar os devanditos filtros HEPA con cargo á conta municipal. 

A Xunta de Galicia, o pasado outubro, desaconsellou o uso de depuradores de aire HEPA nas aulas dos centros escolares de Galicia, sen especificar en qué estudos científicos baseaba esta postura. Porén, o CSIC, máximo organismo científico deste país, publicou unhas recomendacións para a ventilación das aulas, baseadas nas investigacións máis rigurosas e punteiras, e seguindo a estela do protocolo de Harvard, nas que, entre outras cousas, defendía os HEPA como unha axuda indispensable para mellorar a ventilación das aulas e baixar a carga vírica.

Naquela altura, a ANPA e o equipo directivo do colexio público Neira Vilas de Peitieiros xa compraran varios filtros de aire destas características e outros centros do concello estaban realizando xestión para adquirilos. Dende Manifesto Miñor, asumimos as demandas de ANPAs e direccións dos colexios e insitutos de Gondomar, pois son as administracións públicas quen tiñan a obriga de garantir a seguridade nas aulas ante a chegada do inverno; nese sentido presentamos unha moción no Pleno de novembro. A Consellería de Educación e a Xunta de Galicia non atenderon as demandas da comunidade educativa e tampouco o Alcalde de Gondomar fixo nada para que, tras as vacacións de Nadal, o alumnado non tivese que volver ás aulas con temperaturas moi baixas e ventás abertas para ventilar axeitadamente e previr a incidencia da Covid19.

Con todo, é preciso poñer en valor o traballo das ANPAs e equpos directivos dos centros públicos de Gondomar, que levan dende comezo de curso loitando por mellorar a situación neste tempo de pandemia. Foi ese traballo incansable o que conseguiu que o goberno municipal se faga cargo da adquisición de filtros HEPA. Dende Manifesto Miñor, valoramos positivamente que o señor Alcalde tome a iniciativa e dea cumprimento ao acordo plenario adoptado en novembro pola maioría dos grupos da oposición. A teceira vaga está enriba e todos os medios e medidas de protección son necesarias para evitar a expansión da enfermidade.

Gondomar, 27 de xaneiro de 2021

Manifesto Miñor

 

Xaneiro 27, 2021

Etiquetas: , ,