Manifesto Miñor reclama a eliminación do bombeo e melloras no saneamento do barrio d’A Torre, en Chaín

A construción dunha estación de bombeo á beira do Río de Morgadáns, no barrio d´A Torre-Chaín, foi a consecuencia dunha pésima xestión tanto na elaboración do proxecto coma na construción das obras de saneamento promovidas pola Xunta de Galicia a primeiros do ano 2000 ao seu paso pola zona indicada. Asemade, a pouca dilixencia de quen entón gobernaba no Concello de Gondomar por permitir unhas obras de difícil execución, tanto pola orografía do terreo como polos problemas cun determinado veciño, deron como resultado unha solución cara e ineficaz como se ten demostrado até hoxe coa devandita estación de bombeo.

A semana pasada, coas primeiras chuvias do Outono, o bombeo d´ A Torre volveu vomitar ao Río de Morgadáns toda a carga ponzoñenta das tubaxes que baixan de Morgadáns, Chaín, etc. Dicimos ponzoñenta e tamén deberiamos dicir incívica, pois dentro do espectáculo lamentable de contaminación e fedor, destacaban especialmente os plásticos, cueiros, compresas, etc. Por certo, dende Manifesto Miñor non é a primeira vez que ten reclamado unha campaña informativa, casa por casa, para lle informar á veciñanza do que se pode ou non se pode botar polos sumidoiros. Ás veces cómpre repetir aquilo que, sendo obvio, dámos por sabido e non é tal.

Pois ben, a día de hoxe e despois de máis dunha décaca de mal funcionando da estación de bombeo d´A Torre, e despois de levar gastado neste tempo en reparacións e limpezas máis de 100 000 euros, sen contar o consumo eléctrico, dende MM-EN consideremos que chegou o momento de afrontar o problema con racionalidade e  unha solución alternativa á actual, eliminado a estación de bombeo e que as augas fecais caian por gravidade. Por iso, presentamos unha moción para reclamar actuacións eficientes por parte do Concello de Gondomar.

Novembro 3, 2020

Etiquetas: , , ,