Manifesto Miñor presenta unha moción para resolver o problema de circulación no vial da volta do Armeiro en Peitieiros

Gondomar, 11 de marzo de 2025.- Dende Manifesto Miñor, levamos dende o mes de decembro agardando que don Paco Ferreira tome medidas para resolver o problema de seguridade viaria na estrada que serve de desvío na Volta do Armeiro, na parroquia de Peitieiros. De feito, no mes de xaneiro, o voceiro de Manifesto Miñor rexistrou no Concello unha petición para que se buscasen solucións, que, en todo caso, pasaban polo ensanchamento dese vial e o aumento da sinalización, por poñer algúns exemplos.

A principios do mes de marzo, ante a inacción do goberno municipal e a falta de resposta por parte do señor Alcalde, rexistramos unha moción para o seu debate no vindeiro pleno que, polo que parece, non se agarda para este mes de marzo. Na moción recollemos como prioridade precisamente o ensanchamento desa estrada, ben desbrozando as beiras ou entubando as cunetas, así como o aumento da sinalización vertical. En todo caso, corresponde ao goberno municipal “definir con urxencia as actuacións a concretar e proceder a súa execución”.

Estes días asistimos con asombro as medidas adoptadas polo goberno municipal nese vial: a instalación dunha valla impedindo o paso dos vehículos e a colocación dunha sinal vertical restrinxindo á circulación só a persoas residentes. Dende Manifesto Miñor, queremos pensar que se trata dunha solución provisional mentres se arranxa o devandito vial consonte a proposta da nosa organización: ensanchar as cunetas, entubando as beiras, desbrozar, pintar a estrada, aumentar a sinalización, insalar algúns lombos, se procede, etc. para lle dar seguridade a peatóns. Xa que logo, estaremos pendientes do desenvolvemento das actuacións que se realicen no devandito vial e, en todo caso, reclamaremos que se cumpra a proposta de Manifesto Miñor tal e como presentamos e defenderemos no vindeiro pleno. 

Manifesto Miñor

Marzo 13, 2025

Etiquetas: , ,