Manifesto Miñor chama á veciñanza do Val de Miñor a votar masivamente polas forzas progresistas e que van defender Galiza e as galegas e os galegos no Estado

Dende Manifesto Miñor queremos animar a participar nas Eleccións estatais e votar ás forzas que non recorten os nosos dereitos e que vaian defender Galiza e a vida digna das galegas e dos galegos, sen retrocesos sociais e laborais.

Nesta situación de emerxencia política e ideolóxica que estamos a vivir, o feito de que non apoiemos ningunha forza política para o vindeiro 23 de xullo non quere dicir que nos inhibamos, pois xóganse politicas que afectan directamente á maioría social e, singularmente, á cidadanía galega, asolagada pola caverna reaccionaria do Partido Popular. 

As galegas e os galegos, que padecemos durante anos unha longa noite con gobernos do PP, sabemos que estamos en anos decisivos para loitar contra a mudanza climática dende unha perspectiva de xustiza social: que se instalen nas institucións lexislativas e executivas do Estado os negacionistas do cambio climático é un drama humanitario.

A igualdade entre homes e mulleres e os dereitos LGTBI, aínda non acadados na súa totalidade, sofrirán un retroceso cun goberno con forzas reaccionarias e pagarémolo directamente sobre as nosas vidas, co aumento de agresións e discriminacións que se producirán cun aval institucional aos discursos do odio.

Un goberno da reacción é o goberno dos privilexiados, de quen teñen grandes fortunas, afondando a estrutural desigualdade económica e territorial das nosas sociedades que pon en perigo a democracia e o futuro. O que cómpre é afondar en políticas redistributivas aínda máis ambiciosas para superar a precariedade e a falta de vivenda digna.

Por todo isto, dende Manifesto Miñor temos moi claro que cómpre votar para evitarmos un goberno de PP e VOX. Xa que logo, animamos á veciñanza do Val de Miñor e de Galiza enteira a votar polas forzas progresistas e que van defender as galegas e os galegos da oleada reaccionaria da dereita e ultradereita españolas (PP-VOX).

No Val de Miñor, 21 de xullo de 2023.

Manifesto Miñor 

Xullo 21, 2023