I Xornadas de Economía Social

Economía

Gondomar organiza o sábado dia 22 de abril as I Xornadas de Economía Social.

Acentuando o propósito de procurar saídas económicas e sociais alternativas que permitan disfrutar de certos parámetros de nivel de vida perdidos pola irrupción das grandes compañías e corporacións financeiras que nos empurran cara un mundo asimétrico, inxusto e dependente, o concelleiro do Manifesto Miñor, Xosé Antón Arauxo a través da Concellería de Comercio e Emprego organiza en colaboración coa Casa Colorida e con Imaxinaria.org, un encontro dirixido a todos aqueles que desexan un modelo de vida alternativo, unha opción económica sustentable, un equilibrio nas relacións humanas, aos que pretenden ter a iniciativa das súas vidas, aos que non queren depender de intereses alleos , aos que foxen de intereses mercantilitas .

En definitiva procuramos alternativas para mellorar a calidade de vida, para transformar os modos de existir nun mundo dominado por grandes intereses económicos do consumismo.

Procuraremos atopar modos de relación económica que nos permitan vivir do noso traballo, da nosa iniciativa; plantexar iniciativas que dinamicen o comercio local, que valoricen o próximo, as relacións humanas, a confiabilidade e o apoio mútuo.

Non se trata de teorizar, senón de falar con expertos que levan traballando moitos anos neste tipo de filosofias, que foron vangardia, pero que hoxe son realidade. Modelos que están activos e funcionando, experiencias vixentes e en progresión.

Os relatores que conduciran cada sesión son persoas de recoñecido prestixio nestes ámbitos.

Como:

Xavier Simón

Profesor titular de Economía aplicada e Responsable do Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía da Universidade de Vigo. Especialista en sistemas alternativos de consumo e producción de alimentos, metabolismo social, patrimonio inmaterial e desenvolvemento rural.

Jordi Flores

Activista Cofundador da Ecoxarxa de Tarragona e Coordinador da área económica da Cooperativa Integral Catalana. Ten realizado escritos para a promoción da Descapitalización e o pensamento crítico dende a autoxestión e as economías alternativas. Informático de ocupación, estudió Administración e Dirección de Empresas na Universidade de Barcelona. Hoxe en día está dinamizando diversos proxectos pra artellar redes de moeda social, economía cooperativa e apoio mutuo.

Manuel Amigo

Presidente da Asociación Costavales de Santa Comba, promotora da Moeda Social “Costavales”: un sistema de vales de intercambio para o seu uso nos comercios e negocios de todo tipo na Costa da Morte, que promove mobilizar recursos inactivos, axudar a cubrir as necesidades básicas da poboación máis desfavorecida da zona, darlle pulo ao tecido asociativo e social local e aumentar a resiliencia local

Óscar Górriz

Activista galego dos comúns e a cultura libre, participa e colabora con diversos procesos colectivos coma o CSA A Casa Colorida de Nigrán, a Rede de Cultura Libre Galiza imaxinaria, o Laboratorio dos Comúns e a FairCoop: cooperativa internacional por unha economía ética alternativa. Neste eido, a súa actividade principal é a investigación, implementación e promoción de tecnoloxías sociais e dixitais de participación cooperativa para colectivos activistas e comunidades autoxestionadas.

Enric Durán

Activista catalán polo decrecemiento e a Revolución Integral. A súa historia persoal abarca un amplo espectro de accións relacionadas coa abolición da débeda externa, os movementos de resistencia global, campañas contra o Banco Mundial e a Europa do capital. A súa acción mais comprometida e pola que fica no exilio a día de hoxe, foi a expropiación de diñeiro a varios bancos durante a burbulla inmobiliaria coma acción de denuncia da crise que estaba por vir, diñeiro que canalizou a movementos sociais que deron na fundación da Cooperativa Integral Catalana e a FairCoop.

Os actos terán lugar no Auditorio Lois Tobío de Gondomar e serán moderados e conducidos por

Tereixa Otero

Feminista, espeleóloga, activista, licenciada en Historia e tamén mestra de Secundaria.
Leva anos ao pé de numerosas loitas feministas, sociais e ecoloxistas. Será a encargada de presentar e conducir a Xornada

Programa

  • 10:30. Palestra de Xavier Simón sobre as perniciosidades do capitalismo + Debate.
  • 11:30. Dinámica colectiva.
  • 12:00. Audiovisuais curtas sobre postcapitalismo de Yayo Herrero e Esther Vivas.
  • 12:30. Descanso. Café amenizado polas pandereteiras Xarelas da Touza (Priegue).
  • 13:00. Experiencia da Ecoxarxa Tarragona con Jordi Flores + Debate.
  • 14:00. Descanso para Xantar. Haberá postos de comida agroecolóxica no exterior do auditorio.
  • 16:00. Experiencia de Santa Comba con Manuel Amigo + Debate.
  • 17:00. Café de tarde con dinámica colectiva para tódalas asistentes.
  • 18:00. Fala sobre economía social na era das tecnoloxías con Óscar Górriz.
  • 19:00. Experiencia FairCoop con Enric Duran + Debate.
  • 20:00 Peche e valoración.

AUDITORIO LOIS TOBÍO. Urbanización Miñor 0 S N, 36380 Gondomar, Pontevedra Galicia.

https://ecosocial.imaxinaria.org/convidados/

Abril 21, 2017

Etiquetas: ,