Gondomar xa ten parque de autocaravanas a pesar de Paco Ferreira

No vindeiro pleno, se Paco Ferreira chega a convocalo, demandaremos novamente a construción do parque de autocaravanas no centro da vila de Gondomar, pois, de facto, xa hai algunhas semanas que algúns vehículos destas características (autocaravanas, furgonetas, etc) estacionan libremente no aparcamento que hai ao lado da Estación de Autobuses.

Pouco a pouco, o tempo vai deixando ao descuberto a incompetencia e o sectarismo do Goberno Municipal de Gondomar, en xeral, e do señor Alcalde, en particular. O exemplo máis evidente foi a tramitación do PXOM, pois despois de porlle todos os paus nas rodas ao concelleiro de urbanismo (Antonio Araujo) “para non lle dar esa baza electoral” e de coller el mesmo as rendas do PXOM e anunciar varias veces a súa aprobación inmentente, a relidade é que a día de hoxe o PXOM de Gondomar nin está nin se lle espera.

O outro caso especialmente rechamante é o do aparcadoiro para Autocaravanas no centro da Vila de Gondomar. Unha infraestrutura doada de instalar e que poría a Gondomar no GPS de máis 7 millóns de autocaravanistas europeos pero, como a proposta foi realizada polo socios de goberno (Manifesto Miñor), acabou coma tantas outras na papeleira despois de descalificala publicamente.

En 2018, Manifesto Miñor propuxo instalar o aparcadoiro de autocaravanas na contorna da Estación de Autobuses. Antes, en 2016, propuxeramos tamén a esplanada do CDL. Todas as nosas propostas foron rexeitadas pois a preocupación do Sr. Alcalde era non darlle bazas electorais aos socios de goberno. Mágoa, pois quen perdeu unha vez máis foi Gondomar, neste caso uns ingresos anuais de máis de 300000 euros, que repercutirían directamente no comercio local. Naquela altura, a sentenza de don Paco foi contundente: “mentres eu sexa alcalde non construiremos un aparcadoiro de caravanas aí”.

Ao final, a realidade imponse pola vía dos feitos e tal como se pode ver nas fotos xa temos parque de autocaravanas a 100mts da Casa do Concello mentres Ferreira fai a vista gorda. Agora xa se pode porque a “baza electoral” é só pra el. 

Dende Manifesto Miñor reclamamos ao Goberno Municipal que atenda o que é unha demanda real que, ademais, pode ser un grande beneficio para o comercio local e que constrúa o parque de autocaravanas onde propuxemos hai máis de 5 anos.

En Gondomar, a 11 de abril de 2023.

Asdo. Antonio Araújo Quintas.

Abril 12, 2023

Etiquetas: , ,