A “humanización” da Praza de Manuel Alonso (Alameda): parar a cerimonia da confusión e abrir o diálogo sobre o modelo de vila que queremos

Nas últimas semanas, estamos asistindo ao despregamento por parte do Alcalde de Gondomar dunha actividade desaforada que seica ten por obxecto informar (convencer) a propios e alleos das bondades da chamada humanización da Praza de Manuel Alonso (coñecida, tamén, como Alameda). Daquela, isto demostra que as cousas non se fixeron ben. A pregunta resulta pertinente: por que no pasado mes abril non quixo abrir un periodo de información e debate con veciños, comerciantes e os grupos da Corporación Municipal?. A resposta é evidente: porque en abril tiña maioría absoluta e agora non e o Pleno vai ter a última palabra neste asunto… e noutros.

Agora todo son reunións informativas, asembleas, convocatorias, chamados… e, como colofón de todo ese despregamento propagandístico, fixo unha consulta pola Internet tan fraudulenta que se dura uns días máis vota máis xente que habitantes ten Gondomar. Despois de todo este ronsel de disparates e reunións tramposas onde non se di a verdade (pois mentres o Alcalde di que haberá tráfico rodado como até agora, o proxecto que el e seu goberno aprobaron cando tiña maioría absoluta di o contrario) a confusión entre a veciñanza de Gondomar é moi grande. En resumo, o problema que agora ten o señor Ferreira é que ninguén cre na súa palabra, e as súas explicacións carecen de credibilidade.

Fragmento do proxecto aprobado no pleno de abril de 2023. Restrínxese o tráfico rodado a residentes na rúa Manuel Losada, malia que don Paco Ferreira diga agora que non se modifica o tránsito de vehículos por esa zona.

Para Manifesto Miñor, a única saída posible a este impás no que nos encontramos é volver ao principio facendo agora o que o Alcalde impediu en abril: é dicir, abrir un debate público e sen trampas coa veciñanza, cos comerciantes e cos grupos políticos da Corporación Municipal que en última instancia somos os que temos que aprobar o proxecto no pleno. Todo isto coa axuda dos técnicos para que nos asesoren no canto de nos convencer como pretendeu Don Paco Ferreira na última xunta de voceiros que mantivemos.

Coa finalidade de establecer os consensos necesarios e de frear a cerimonia da confusión na que está derivando este asunto, Manifesto Miñor solicitará no vindeiro pleno do 17 de outubro a RETIRADA deste punto da orde do día co obxectivo de incorporar aos documentos e ao proxecto da devandita praza os acordos acadados, para que ninguén teña dúbidas e para recuperar a credibilidade na Institución Municipal danada pola incapacidade mostrada do señor Ferreira para o diálogo e os consensos.

 

En Gondomar, a 13 de outubro de 2023.

 

Asdo.: Antonio Araújo Quintas. 

Voceiro do Grupo Municipal de Manifesto Miñor

Outubro 14, 2023

Etiquetas: , , ,