A estrada dende O Telleiro até A Esparela, sen solución definitiva por falta vontade do Goberno do señor Ferreira

O señor Ferreira convoca aos grupos da oposición a unha xuntanza para presentar un proxecto que, segundo as súas últimas declaracións, vai meter no caixón.

Dende Manifesto Miñor, animamos á veciñanza da parroquia a seguir loitando, mesmo con mobilizacións, polas beirarrúas na estrada O Telleira-A Esparela.

O pasado luns tivo lugar unha xuntanza de voceiros convocada polo Alcade, entre outros motivos, para nos presentar o proxecto de beirarrúas na estrada que vai dende O Telleiro até A Esparela, na parroquia de Borreiros. Hoxe lemos nos medios de comunicación como o señor Alcalde rebaixa as expectativas, poñendo a venda antes da ferida polo que poida pasar.

O positivo desa xuntanza foi que, por primeira vez, e despois que a veciñanza da parroquia o demandase con forza, incluso con mobilizacións na rúa, o Alcalde presentou un proxecto, ou ante-proxecto, no que se poden ver datos de interese, como son as zonas de máis e menos complexidade e as posibles solucións. Tamén incorporaba, obviamente, un bosquexo do que poden ser os custes das obras, tamén en función das solucións que se tomen: se hai expropiacións ou non, etc.

A parte negativa para Manifesto Miñor foi a evidente e indisimulada vontade do Alcalde de NON levar a cabo esa obra, pois todo era ver dificultades e impedementos, cando resulta obvio que calquera obra pública os ten. Con todo, o principal “impedimento” para o Alcalde que nós vemos ten que ver co feito de que a iniciativa desta obra parte dunha reivindicación veciñal sacada adiante no pleno por Manifesto Miñor co apoio de toda a oposición municipal. É o “modus operandi”  do señor Ferreira, que non acaba de entender que está en minoría e segue desprezando por sistema todas as iniciativas que veñen dos grupos da oposición, sen reparar no beneficio que poida supoñer paras a veciñanza.  

Nesa xuntanza, dende Manifesto Miñor, insistimos na necesidade desa obra pola seguridade que lle vai dar á veciñanza de Borreiros habilitando un corredor peonil que remata n´A Ramallosa enlazándoo cos paseos da costa. Todos sabemos que, a día de hoxe, esa estrada está sendo utilizada, sobre todo no verán, como alternativa ao tráfico que vén de Baiona e quere salvar o cruzamento d´A Ramallosa para dirixirse a Gondomar, a Tui ou a  Portugal. Asemade, cómpre ter en conta o intenso tráfico que xera a existencia dunha escola infantil á beira da mesma estrada ou a próxima construcción no mesmo lugar dunha residencia para persoas maiores. É dicir, non se trata dun vial interno, senón que seu uso trascende á propia parroquia; de aí que “racanear” ese investimento é unha irresponsabilidade política, especialmente cando vemos como se gastan os cartos públicos en Gondomar por parte do Goberno do señor Ferreira.

Pois ben, á vista das últimas declaracións, que amosan as intencións do Alcalde de meter no caixón un proxecto máis que necesario, por parte de Manifesto Miñor seguiremos insistindo para que se execute canto antes. Ademais, estamos convencidos que todo isto abrirá o debate e unha nova vaga de mobilizacións na parroquia de Borreiros, que seguro vai loitar tamén por conseguilo.

 

En Gondomar, a 18 de xaneiro de 2024.

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Voceiro Municipal de Manifesto Miñor.

Xaneiro 18, 2024

Etiquetas: , , ,