O libro de rutas polo patrimonio cultural de Gondomar e as rutas da aplicación Wikiloc cambian o seu estatus de “desaparecidas” ao de “abandonadas”

Un goberno pouco interesado en promover o turismo

Seguen sen estar activadas  as 30 novas rutas de trecking ou camiñadas máis curtas na plataforma Wikiloc (que completarían as 6 que xa se introduciron cando xestionabamos a área de Turismo). A plataforma conta con máis de 4 millóns de membros e máis de 10 millóns de rutas. Produce unha inmensa tristura ver como unha potente ferramenta de proxección exterior de Gondomar segue abandonada, pola incapacidade de xestión ou pola decisión política do Sr. Ferreira.

O mesmo acontece cos 500 exemplares do rigoroso e documentado libro, titulado Percorridos polo patrimonio cultural da vila de Gondomar, de 496 páxinas e editado en galego e castelán –a abrupta expulsión do goberno, impediu terminar a tradución ao inglés–, que continúa tirado nas dependencias, agora desertas, da Concellería de Turismo, no edificio do CDL. Para aquelas persoas que queiran coñecer o contido deste libro missing, aconsellamos que pulsen a seguinte ligazón: https://concellodegondomar.gal/es/rutas-polo-patrimonio-cultural

As 6 rutas publicadas en Wikiloc: unha boa ferramenta para poñer en valor o que temos en Gondomar.

A pesares de que so están accesibles na web 6 rutas que se subiron cando Manifesto Miñor rexía esta concellaría, téñense rexistradas 139 000 entradas dende agosto de 2017. Sen ter publicado as 30 rutas lost que xa quedaron listas antes da saída do goberno, podemos saber que máis de 30 000 usuarios e usuarias  de todo o Estado, entraron e tiveron curiosidade nas rutas do noso concello. EEUU, Portugal, Francia, Corea do Sur, Brasil ou Alemaña, seguen, por esta orde, no ranking de entradas. As tres máis consultadas son a panorámica polo Alto da Paraguda en Peiteiros, a ruta do muíños de Couso e a ruta das Ánimas.

Por último, a que se pode acceder con este Link http://turismo.concellodegondomar.gal/, estaba publicada en galego, inglés, francés, castelán e catalán. Está aplicación deixouse lista tamén en portugués, pero o novo concelleiro de Turismo, o señor Chamorro, nin sequera subiu a tradución feita no idioma do país veciño. Xa que logo, só poderán verse as 6 versións que xa estaban operativas en novembro, antes da expulsión. Nesta aplicación teñen entrado máis de 7 000 persoas.

O cardiograma que reflicte os latidos da concellería de Turismo leva plano tres meses. Gondomar require de todas as mans, de todas as achegas, de todos os recursos que traballen na dinamización da súa actividade cultural, económica, turística. Dilapidar recursos non é síntoma dunha boa xestión.

Gondomar, 14 de febreiro de 2019

Xosé Antón Araúxo Rodríguez

Concelleiro de Manifesto Miñor

Febreiro 15, 2019

Etiquetas: , , , , ,