Manifesto Miñor esixe a anulación da conferencia de Sánchez Dragó en Baiona

O Concello de Baiona vén de facer público o seu “cartel de luxo” para o VII Ciclo de Conferencias co gallo da Festa da Arribada 2019. Entre os “insignes” conferenciantes destaca a presenza de Fernando Sánchez Dragó, un personaxe que ten feito declaracións machistas, LGTBIfobas e xenófobas e contrarias aos valores democráticos, tanto nas súas obras como en diversas entrevistas nos medios de comunicación.

A literatura é arte e, como tal, non pode utilizarse como pretexto para enmascarar mensaxes machistas. A literatura é liberdade, pero é absolutamente reprobable utilizar esa liberdade para facer apoloxía da prostitución ou da pederastia.

Dende Manifesto Miñor consideramos inaceptable que o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, escolla como cabeza de cartel deste ciclo de conferencias a un señor que alardea publicamente de encontros sexuais con menores de idade, que denigra as mulleres, que despreza as persoas homosexuais e a súa loita ou que insulta ás inmigrantes. Coñecidas son tamén as súas manifestacións públicas contra a democracia e a súa defensa dos sistemas totalitarios, e concretamente, a ditadura franquista.

Entendemos que Sánchez Dragó non é un referente na defensa dos valores de respecto e tolerancia que debemos defender dende as institucións democráticas. Xa que logo, non compartimos que cos cartos públicos da veciñanza de Baiona se pague una conferencia deste señor. Por iso, esiximos ao Concello de Baiona, ao señor Rodal e ao Partido Popular que suspendan, de xeito inmediato, a participación de Sánchez Dragó no ciclo de conferencias.

Febreiro 16, 2019

Etiquetas: , ,