Predicar co exemplo

Das peores cousas que un representante público (neste caso, un alcalde) pode facer, ademais de lle mentir á cidadanía, é esixirlle sacrificios, mesmo con medidadas coercitivas, que el non está disposto a cumprir: “Fai o que eu digo pero non o que eu fago”. A Paco Ferreira, cumpridor sempre do terceiro mandamento, recoñecido devoto e amigo de pasearse entre autoridades eclesiásticas en todas as celebracións relixiosas do concello, non lle gusta predicar co exemplo. 

Pois ben, o pasado luns, día 30 de novembro, mentres a maioría da veciñanza de Gondomar civicamente cumpriamos o confinamento ordenado polas autoridades competentes, entre elas o Alcalde, sen poder saír da zona perimetrada, coa hostalería pechada e o toque de queda activado, viamos con asombro e indiganción ao noso Alcalde, o Sr. Ferreira, presumir nas Redes Sociais do seu estatus de superioridade gozando dunha velada de ocio no interior dun bar ou restaurante de Baiona, co agravante de que o concello veciño está fóra da área confinada dentro da que nos podemos mover a xente de Gondomar.

Dende Manifesto Miñor non cuestionamos que o Sr. Alcalde teña dereito a descansar tomando un aperitivo no bar que lle pete, pero neste momento, cando miles de persoas, moitas delas veciñas nosas, están a pasalo tan mal, a primeira autoridade local non pode saltarse o confinamento sen xustificación ningunha ou con excusas imprecisas. Ben é certo que dende Manifesto Miñor xa denunciamos, ao principio da Pandemia, a afición do señor Fereira por se fotagrafar desinfectando as rúas coa mangueira, nun alarde dun populismo barato e pouco crible.

Non se lle pode faltar o respecto a tantas veciñas e veciños que cumpren as normas impostas dende as Administracións públicas. Sabemos que a súa prepotencia e soberbia políticas impediranlle mesmo perdir disculpas, pero que saiba que alcaldes de concellos máis grandes que o noso teñen dimitido por algo semellente.

Para rematar, unhas preguntas: Que pasaría se o resto de veciñxs de Gondomar decidiramos facer o mesmo que o noso Alcalde? Teriamos tamén a indulxencia da Policía Local para irmos de copas a Baiona?


En Gondomar, a 2 de Decembro de 2020.
Manifesto Miñor.

Decembro 3, 2020

Etiquetas: ,