Posición de Manifesto Miñor ante as eleccións xerais
Ante as eleccións xerais do 20 de decembro, a Asemblea de Manifesto Miñor, reunida o pasado venres 27 de novembro, quere manifestar o seguinte:
Constituír un grupo parlamentar na Cortes españolas
Dende o primeiro momento, Manifesto Miñor procurou a confluencia das forzas da esquerda, nacionalistas e non nacionalistas, para conformar unha candidatura unitaria, con personalidade xurídica propia para constituír un grupo parlamentar na Cortes españolas e defender alí tanto o dereito a decidir como políticas de carácter social contrarias aos recortes.
O obxectivo dunha candidatura unitaria
Dende o primeiro momento Manifesto Miñor púxose ao labor participando activamente nas dúas plataformas que, dende o pasado agosto, se presentaban como lugares de encontro, promovendo o diálogo entre os diversos actores políticos, de xeito sobranceiro entre as diversas candidaturas veciñais coma a nosa. Dende o primeiro momento, Manifesto Miñor condicionou a súa participación nas eleccións xerais a que se lograse o obxectivo dunha candidatura unitaria.
Infortunadamente, non se deu a confluencia, por imposicións das cúpulas partidarias, o que xerou unha enorme frustración en amplos sectores sociais. Xa que logo, Manifesto Miñor non apoiará ningunha das candidaturas que se din unitarias.
Voto CONTRA aquelas opcións políticas responsables dos recortes
Non obstante, pedimos o voto CONTRA aquelas opcións políticas responsables dos recortes en sanidade e educación, protectoras e facilitadoras da corrupción e do ocultismo, que provocaron a crise social e moral actual, que deixaron sen traballo a miles de persoas e que sumen na miseria a toda unha xeración de mozos e mozas.
Entendemos como un fracaso a división de forzas
En Manifesto Miñor entendemos como un fracaso a división de forzas cara a estes comicios e propoñémonos traballar arreo, a partir do día 20, na creación dunha Candidatura Unitaria da esquerda nacionalista e non nacionalista coa vista posta nas próximas eleccións autonómicas. Unha candidatura organizada dende a base, asemblearia, sen dirixismos, sen cúpulas e aberta a quen queira participar: asociacións, partidos políticos e, sobre todo, persoas.
Val Miñor, 29 de novembro de 2015