Manifesto Miñor segue sen información sobre a tourné italiana do señor Alcalde e da concelleira de Comercio

Gondomar, 30 de maio de 2026.- No ano 2024 o señor Alcalde viaxou ao Norte de Italia, xunto coa concelleira Rocío Deolinda Goberna, Concelleira de Turismo, Mercados, Formación, Emprego e Dinamización Económica, da man do GDR Galicia Suroeste-Eurorural, co obxectivo, segundo nos contaron, de intercambiar experiencias e coñecer de primeira man aqueloutras que podían ser de aplicación en Gondomar. Dous anos despois, nada sabemos de todo iso e tan só temos as fotos da devandita tourné. Por certo, estas viaxes son pagadas con fondos europeos que non deixan de ser cartos públicos.

Pois ben, como se cadra a aplicación das experiencias do Norte de Italia (Lombardía) non deberon servir para Gondomar, o pasado mes de abril, don Paco repite a experiencia, de novo a Italia, e co mesmo sistema de 2024; desta volta, a viaxe é ao sur dese estado mediterráneo, concretamente a Sicilia, que, como todo mundo sabe, é unha sociedade moi semellante á galega. Polo que nos contaron os medios de comunicación os obxectivos son os mesmos e moito tememos que os resultados tamén. Ao final todo quedará reducido aos vídeos que o señor Ferreira publica nas súas redes sociais e que máis ben se parecen a unha viaxe vacacional.

En Manifesto Miñor, parécenos ben que os alcaldes e alcaldesas saian dos despachos e viaxen polo mundo para  intercambiar ideas, proxectos, iniciativas… que despois se poidan aplicar nos nosos concellos para mellorar a vida da nosa veciñanza. Até aí, nada que criticar, e menos aínda o que se estea facendo nese sentido nos concellos do GDR Galicia Suroeste.

Agora ben, no caso de Gondomar, nada sabemos da aplicación práctica desas viaxes. En realidade, ninguén do Goberno Municipal explicou nada, tanto á veciñanza coma ao resto da Corporación Municipal. Por iso, tendo en conta que estamos a falar de asuntos públicos, pois a visita de Paco Ferreira a Italia fíxose en calidade de Alcalde de Gondomar e acompañado da concelleira de Turismo, Mercados, Formación, Emprego e Dinamización Económica, dende Manifesto Miñor solicitamos no pasado pleno as explicacións destas viaxes e a súa plasmación práctica no noso concello. Debemos supoñer que a experiencia “Erasmus” estaba relacionada con algunhas das áreas que xestiona, sen que teñamos claro que se está facendo en Gondomar polo comercio local ou o programa formativo do Concello, a señora Rocío Deolinda Goberna, mais só son suposicións ao descoñecer por completo a finalidade de tal desprazamento.

 A día de hoxe, seguimos á espera de que o señor Alcalde nos conteste ás preguntas sobre esta viaxe formuladas por Manifesto Miñor no pasado Pleno. Malia esta falta de información, non imos seguir calando cando se empregan fondos públicos para pagar viaxes “oficiais” a membros da corporación municipal sen coñecer nin o obxectivo nin o resultado desas viaxes.

Antonio Araújo Quintas.

Voceiro de Manifesto Miñor

Maio 30, 2026

Etiquetas: ,