Manifesto Miñor apoia a concentración diante de Hospital Álvaro Cunqueiro convocada por SOS Sanidade Pública contra a xestión opaca das listas de agarda 

Val Miñor, 29 de maio de 2026.- As mobilizacións en defensa dos servizos públicos seguen desenvolvéndose polo país adiante: é por iso que, dende Manifesto Miñor, apoiamos a concentración no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o vindeiro xoves, 4 de xuño, ás 11:00 horas, convocada pola plataforma SOS Sanidade Pública para reivindicar unha xestión transparente das listas de agarda e a dotación de profesionais suficientes para atender todas as necesidades nos hospitais públicos.

A situación actual, moi precaria nalgunhas especialidades, obriga a derivacións masivas a outros hospitais privados, como, por exemplo, Ribera Povisa, de determinadas intervencións que, de ter os hospitais públicos adecuadamente dotados, se poderían realizar no propio servicio público de saúde. Non podemos seguir aceptando que se especule coa nosa saúde, nin que se empreguen as enfermidades das persoas para facer negocio.

Pero a situación é moito máis grave, pois o Sergas exclúe dos datos oficiais das listas de agarda a pacientes que rexeitan a derivación a un hospital privado ou mesmo a pacientes que suspenden a intervención cirúrxica por cuestións persoais ou médicas. A existencia de listas non estruturais serve para maquillar os datos e ofrecer á opinión pública unha realidade que non é.

En Manifesto Miñor témolo claro: servizos públicos de calidade!  

Manifesto Miñor

 

 

Maio 28, 2026