Pleno de Gondomar. Manifesto Miñor traballando en positivo

PLENO ORDINARIO DA CORPORACION MUNICIPAL DE GONDOMAR – 5/11/2020.

Na tarde de onte, xoves, Corporación Municipal de Gondomar celebrou o pleno ordinario correspondente ao mes de novembro con importantes asuntos na Orde do Día como foi a aprobación, por UNANIMIDADE, do proxecto de urbanización da primeira fase do Polígono Industrial d´A Pasaxe xunto co prego de cláusulas administrativas para poder sacar a concurso público as obras do mesmo. Con esta aprobación finaliza un ronsel de trámites e xestións, non exento de atrancos, onde o diálogo e o consenso entre as partes foron a clave para culminar un proceso colectivo no que traballamos diferentes gobernos municipais dende o ano 2008 que comezou coa sinatura do convenio entre o Concello de Gondomar, a CCMM de Vincios, a Asociación de Empresarios e a Consellaría de Industria. Foi unha decisión política, tan arriscada como necesaria, tomada por quen isto escribe que naquela altura presidía o Concello pero, ademais, cómpre recoñecer que o éxito veu dado polo apoio incondicional da conselleira Teresa Táboas, que puxo enriba  da mesa o seu compromiso persoal e político e os 500 000 euros para contratar a redacción do Proxecto Sectorial que onte viu cumprido os obxectivos marcados.

 

No mesmo pleno, foron aprobadas tres mocións presentadas por MM que poden ser de moito beneficio para  unha parte importante da veciñanza do noso Concello, especialmente para o alumnado das escolas e institutos públicos e para levar servizos básicos ás parroquias, tan esquecidas polas administracións local, provincial e galega.

 

ELININACIÓN DA ESTACIÓN DE BOMBEO DA PONTE DA SERRA

Foi aprobada por unanimidade a moción para realizar os estudos técnicos necesarios e redactar o correspondente proxecto técnico dun treito de saneamento entre o barrio d´A Torre e o Muíño de Quintas, co obxecto de eliminar a estación de bombeo situada na Ponte da Serra, que, dende a súa instalación hai 10 anos, tivo un gasto de máis de 100 000 euros a conta do Concello en reparacións de avarías e mantemento en xeral. Dende Manifesto Miñor presentamos unha alternativa que cremos viable para que este saneamento poida caer por gravidade e evitar os mencionados gastos e, sobre todo, a contaminación do Río Morgadáns que provocan as frecuentes avarías.

 

SOLICITAR DA XUNTA A INSTALACIÓN DE SISTEMAS DE DEPURACIÓN HEPA NOS CENTROS DE ENSINO PÚBLICO

Como é sabido, varios colexios e institutos da Comarca, algúns deles de Gondomar, mercaron, entre as ANPAS e o propio profesorado, depuradores de aire HEPA topando coa incomprensible postura da Consellería de Educación que desaconsella o uso destes depuradores de aire nas aulas dos centros escolares de Galicia sen especificar en que basea esta decisión. Por outra banda, o CSIC, máximo organismo científico deste estado, publica as súas recomendacións para a ventilación das aulas, baseadas nas investigacións máis rigorosas e punteiras e seguindo a estela do protocolo de Harvard. Nesta liña, propoñen os HEPA como unha axuda indispensable para mellorar a ventilación das aulas e baixar a carga vírica naquelas circunstancias polas que por meteoroloxía ou contaminación ambiental  non é posible manter as ventás abertas de xeito continuado.

Para Manifesto Miñor, resulta evidente que a única razón que hai detrás desta postura da Consellaría non é outra que o temor a abrir a espita das reclamacións para instalar estes depuradores de aire en todos os centro do País. Unha vez máis, a Xunta pon por diante da saúde dos máis cativos criterios mercantilistas. Pois ben, o Pleno da Corporación Municipal de Gondomar acordou, coa abstención do PP, que prefire defender a seus xefes das Xunta, demandar da Consellería de Educación que permita a instalación nos centros educativos de equipos HEPA portátiles para engadir unha capa máis de protección fronte á transmisión da COVID 19, facéndose cargo da devandita instalación e subministro a propia Consellería.

 

FIBRA ÓPTICA

Por último, aprobouse por unanimidade reclamar da Xunta de Galicia e do Concello que se teñan en conta como núcleos ou asentamentos poboacionais independentes, tal como figuran no Nomenclátor Oficial da Xunta de Galicia ou no Plan Básico Autonómico, os núcleos d`A Fontiña na Portavedra, Murxido en Prado, e A Fraga de Couso, para que deste xeito se poidan incorporar ao proxecto de tendido da rede e se poidan instalar nos mesmo as caixas distribuidoras de fibra, dándolle traslado das modificacións á Xunta de Galicia, e que esta llelo comunique con urxencia a operadora Telefónica de España S.A., responsable dos proxectos.

 

En Gondomar, a 6 de Novembro de 2020

 

Asdo.: Antonio Araújo Quintas.

Portavoz de MM.

 

 

Novembro 7, 2020

Etiquetas: , , ,