Paco Ferreira e o PSOE pretenden “exterminar” a Antonio Araújo ao furtarlle a Manifesto Miñor a representación nas Mancomunidades do Val Miñor e Vigo

Lamentabelmente, tamén nas institucións públicas locais, máis de base e próximas á veciñanza, coma son os concellos, aniñan o descrédito institucional e a corrupción política, que no caso do Concello de Gondomar historicamente sempre foron da man do PSOE.

Fagamos un pouco de memoria para entendermos a situación actual:

– En maio de 1989, promovida polo PSOE e apoia por Alianza Popular, foi presentada unha moción de censura contra o Alcalde Ramón Sestelo da “Plataforma Veciñal”, que naquela altura fracasou no último minuto.

– O 7 de xullo de 2009, tamén promovida polo PSOE, en connivencia co Partido Popular, foi presentada outra moción de censura contra o noso compañeiro Antonio Araúxo, que, nesta ocasión, si prosperou malia o rexeitamento popular. O resultado daquela corruputela política, bendecida por Rafael Louzán (daquela, Presidente da Deputación de Pontevedra, e hoxe condenado por prevaricación), foi a declaración como tránsfugas pola Comisión Antitransfuguismo do Congreso dos Deputados de todxs xs concelleirxs do PSOE de Gondomar. Por certo, o PSOE permitiu que un daqueles tránsfugas, o señor Manuel Gómez González, fose incluído nas listas do PSOE en Gondomar por Paco Ferreira nas pasadas eleccións municipais e hoxe é concelleiro neste concello.

– Por fin, chegamos ao vindeiro 6 de febreiro onde don Paco Ferreira e o PSOE de Gondomar, de novo coa axuda de tránsfugas e sen o máis mínimo decoro institucional, faralle unha nova moción de censura ao noso compañeiro Antonio Araúxo ao expulsalo da Mancomunidade do Val Miñor e da Mancomunidade de Vigo, unha situación que coñecemos a finais da semana pasada cando recibimos a documentación do pleno do próximo xoves. O señor Alcalde teima naquela ameaza que fixo en sesión plenaria de “exterminar” a Antonio Araúxo da política local.

Para Manifesto Miñor, é un feito gravísimo que atenta contra un dos piares básicos da democracia, toda vez que, mediante o transfuguismo, don Paco Ferreira e o PSOE están usurpando a soberanía da veciñanza de Gondomar, que vai ter á tránsfuga Rocío Cambra Castro como representante do concello nas devanditas mancomunidades. Dende logo, esta actitude, falta de toda ética, dun Alcalde do PSOE está a afondar no descrédito que neste momento ten a clase política entre a cidadanía e é o caldo de cultivo ideal para todo tipo de populismos e da extrema dereita que avanzan desbocadas. Dende o noso grupo, lamentamos que, lonxe de fomentar o debate político e os consensos, o PSOE, se é que aínda existe como partido, estea permitindo que o señor Ferreira promova o transfuguismo dende a Alcaldía de Gondomar. É un acto de corrupción política impropio dunha democracia do século XXI.

Manifesto Miñor seguirá facendo o seu traballo de fiscalización democrática do goberno municipal con máis forza se cabe, que para iso nos votou a veciñanza de Gondomar. Nós estamos en política para sermos útiles á veciñanza, non para cobrar salarios nin para ostentar cargos; moito menos aínda para estarmos de adorno nas corporacións municipais, xa sexan Concellos, xa sexan Mancomunidades. De feito, alí onde estivemos sempre presentamos iniciativas a prol do ben común; a última, de feito, na Mancomunidade de Vigo co obxectivo de axudar ao pobo palestino, aínda que o PSOE non quixo apoiar a nosa moción.

En política hai unha regra de ouro que sempre se cumpre: se te sinalan como inimigo, tamén te están sinalando como alternativa. E no caso de que este novo ataque de don Paco contra Antonio Araúxo, teña algo de vinganza ou rancor, o único que fai é reforzar a figura e a dimensión política do noso compañeiro, comprometido dende a súa mocidade con Gondomar, con Galiza e con todas as causas xustas alí onde for preciso.

 

En Gondomar, a 3 de febreiro de 2025.

Asdo.: María Luisa Varela

Presidenta de Manifesto Miñor

 

Febreiro 3, 2025